Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Obxectivos "obsoletos"

Vinte e cinco anos despois o compromiso do 0,7 segue sen cumprirse

En outubro de 1970, a Asemblea Xeral da ONU falou por primeira vez da necesidade de que os países enriquecidos aumentasen a súa axuda ao desenvolvemento. A nivel estatal, non se tratou o asunto até o ano 1982.

Silvia Torralba – Canal Solidario - 10:15 02/12/2007

Foi en 1982 cando partidos políticos de todo o Estado se comprometeron a chegar gradualmente ao 0,7% do PIB para axuda ao desenvolvemento. 25 anos despois non se alcanzou e cifra pendente, ademais, tampouco o reto da calidade. O 24 de outubro de 1970, a Asemblea Xeral da ONU falou por primeira vez da necesidade de que os países enriquecidos aumentasen de xeito gradual a súa axuda oficial ao desenvolvemento (AOD) para así chegar en poucos anos á cifra do 0,7% do Produto Interior Bruto (PIB).

A proposta, que non era vinculante, recolleuse en España doce anos despois, nunha reunión promovida por entidades como Justicia y Paz que aglutinou a todas as formacións políticas do Estado. Como resultado, chegouse ao compromiso de conseguir nun tempo "razoábel pero breve" o 0,7% de axuda pública aos países empobrecidos.

Desde ese acordo pasaron xa 25 anos e o 0,7% aínda non se fixo realidade. "Os compromisos foron modificándose ao longo dos últimos lustros en función do partido político no goberno, de se lle deu máis ou menos importancia á AOD", explica Óscar Díaz, técnico de proxectos de Solidariedade Internacional.

Como din desde esta organización, nos últimos anos a cifra aumentou de xeito gradual e "desde 2004 até 2007 pasamos do 0,23% ao 0,33%". Para o ano que vén, a idea é alcanzar o 0,5% e avanzar así cara ao obxectivo marcado polo goberno actual de chegar ao 0,7% no ano 2012. Aínda así, xa en 2006 o Goberno non cumpriu "os seus propios plans" de chegar ao 0,35% "como paso previo ao 0,5% para 2008", segundo explicaba Intermón Oxfam o pasado mes de abril nun comunicado.

Desde entidades como Justícia i Pau, con todo, advirten que pasaron tantos anos desde o primeiro compromiso que a cifra do 0,7% quedou "desfasada". "As desigualdades entre países ricos e pobres aumentaron a unha velocidade moito máis grande que a axuda que o Norte enviou ao Sur" e "os cálculos actualizados indícannos que unha transferencia minimamente solidaria sería do 3,5%", explica.

Cantidade pero tamén calidade


Agrupados na Plataforma 0,7 e noutros grupos e movementos sociais, as entidades levaron á rúa desde hai anos a petición de alcanzar o 0,7%. En 1993, varias persoas realizaron unha folga de fame que se repetiu un ano máis tarde en Madrid xunto cunha acampada. En 1996 volveuse a facer unha gran campaña que se repetiu en varias ocasións ate que en 2000 as organizacións saíron á rúa e aproveitaron a xornada electoral para facer unha consulta popular paralela sobre a débeda externa.

En todas estas accións a mensaxe máis escoitada foi a demanda de aumentar a cifra de AOD ata o 0,7% pero tamén hai outra idea clave: aumentar a calidade da axuda. A nivel estatal, por exemplo, a porcentaxe aumentou pero "en boa parte en base a axuda que xera débeda externa como os créditos créditos FAD- e cancelacións de débeda", afirma Yolanda Fresnillo, membro do Observatorio da Débeda na Globalización. Ademais, é "moi cuestionábel o incremento da AOD en base a achegas a axencias multilaterais sen seguir ningunha liña clara previamente debatida coa sociedade civil", engade.

Para Toni Royo, técnico da Federación catalá de ONGD, a calidade tamén é primordial e pon o exemplo da cooperación oficial catalá, que creceu moito en fondos económicos pero que, na súa opinión, necesita traballar máis a calidade e "reflexionar" para que haxa "coherencia" entre as políticas da Axencia Catalá de Cooperación ao Desenvolvemento e os diferentes departamentos da Generalitat.

Trátase, apunta Royo, de explicarlle á poboación o traballo que realizan os actores de cooperación, tanto no Norte como no Sur. Todo iso porque "hai unha boa percepción" do traballo do sector como indicaba a CONGDE no seu informe sobre a percepción social das ONGD en 2005- pero iso "non implica un bo coñecemento do traballo que realizan" os actores da cooperación, engade o técnico da Federación catalá de ONGD.

Cara á meta do 0,7

Na actualidade, só cinco países cumpren ou superan a cifra do 0,7%. Trátase de Dinamarca, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos e Suecia. Se cumpren as súas promesas, antes de 2015 a esta lista de países sumaranse Bélxica, Finlandia, Francia, Irlanda, Reino Unido e España.

Ademais do goberno español, a nivel estatal outras administracións como as autonómicas e as locais tomaron de referencia o 0,7% sobre os seus orzamentos e achegan ese diñeiro a cooperación para o desenvolvemento. Uns fondos que, como recordan entidades como Justícia i Pau, son "necesarios" pero que ademais deben ir acompañados doutras políticas sobre débeda externa e comercio internacional, entre outros.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: