Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proxecto que esmorece entre os tirapuxas do Goberno

Sen plans para a Semana Verde aínda que rematou a blindaxe de Maril

A Xunta aparca o compromiso para corrixir o "irregular" funcionamento dunha iniciativa que desde o sector agrogandeiro se defende como posíbel punto de referencia no rural.

Redacción - 13:30 03/12/2007

"Que problema ten a Xunta para asumir as competencias que lle corresponden dentro da Fundación?". Esta é a pregunta que se fan os empregados da Fundación Semana Verde, preocupados polo futuro da entidade e polos seus propios postos de traballo. A alarma aumentaba o mes pasado, cando o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, insinuaba que o actual presidente da entidade, Xosé Maril, podería continuar á fronte da Fundación. A indiferenza desde o Goberno fronte á fin da blindaxe de Maril, que desde hai unha semana pode ser xa relevado do seu posto, incrementa a incerteza sobre o futuro da Semana Verde. Antes diso, o executivo xa evitara usar dos mecanismos posíbeis para tomar o control da entidade e mantivera as competencias de Maril.

Malia que no último treito de goberno o executivo de Manuel Fraga xa lle pechara a billa económica ao proxecto, diante da imposibilidade de mudar daquela a súa dirección, e aínda que PSdeG e BNG prometeran ao chegar ao poder en 2005 que se relanzaría o proxecto con sede en Silleda, a curto prazo non parece ventarse solución. A lea complícase coa falta de acordo entre as consellarías de Presidencia e Medio Rural. Na actualidade, o control no Padroado deste ente correspóndelle ao departamento liderado por Méndez Romeu.

Os traballadores cualifican de "irresponsábel" a actitude do Goberno
"Non poden deixar que se veña abaixo un proxecto coma este despois da cantidade de cartos investida", explicou para Vieiros unha das representantes dos traballadores, María del Carmén Midón. Os traballadores consideran unha "sorpresa" que a Xunta pareza optar por "non intervir" na Fundación Semana Verde.

Aínda que nos últimos meses e desde 2006, a Xunta insistiu en que se estaba deseñando un plan estratéxico, na actualidade non parece que a curto prazo se estea apostando polo relanzamento da iniciativa. Recordan os traballadores que nin o plan de viabilidade nin a modificación dos estatutos teñen data. Unha representación dos empregados da Fundación Semana Verde será recibida este martes polo conselleiro para tratar o asunto.


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: