Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A prol da colaboración

Arte e solidariedade reúnense no 'Implícate 07'

Chega a terceira edición do festival e desta vez faino cheo de música, danza, artes escénicas e literatura.

Redacción - 16:55 11/12/2007
Invitación para o 'Implícate 07'

Invitación para o 'Implícate 07'

Coa intención de crear unha solidariedade galega e salientar a importancia que a colaboración do noso país ten nas tarefas de desenvolvemento, a asociación Implicad@s no Desenvolvemento, en colaboración co Concello de Santiago e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, organizan por terceiro ano consecutivo en Compostela o festival Implícate, que desta vez contará con amplo abano de propostas dos diversos ámbitos culturais.

O programa inclúe unha gran variedade dentro de cada un dos xéneros, e mostra disto son as actuacións musicais, que van dende a vitalidade e o funk dos coruñeses Loretta Martin até o intimismo de Espido. As artes escénicas van en feminino e orientadas ao humor, coas intervencións de Iria Piñeiro e Paula Carballeira, e a Nova Galega de Danza reunirá o tradicional e o contemporáneo nesta vertente artística.

As letras tamén están representadas nesta festa da solidariedade, e destaca a diversidade de autores e correntes que se materializan nas verbas de María Lado, Antón Lopo, Miguel Anxo Fernán Vello ou Estíbaliz Espinosa. En definitiva, e seguindo indica Yolanda Castaño, colaboradora na organización do evento, o Implícate 2007 é unha "pluralidade de cores, de estilos, de xéneros creativos nunha noite para aprender, pero tamén para gozar".

Proxectos de colaboración
Implicad@s no Desenvolvemento cumpre no 2008 o seu décimo aniversario. Dez anos nos que esta asociación obtivo grandes resultados no eido da colaboración internacional, e que día a día segue a traballar a prol dos máis desfavorecidos. Con Implícate 07, a organización busca, en palabras da súa presidenta, María Reimóndez, "crear unha rede galega solidaria, e abrir á cidadanía de Galiza ao mundo".

O festival que terá lugar no Teatro Principal o domingo 16 terá un prezo de 10 euros, seis para os estudantes. Esta recadación estará destinada á posta en marcha dun novo proxecto no Sur da India que prestará axuda a preto de 32.000 persoas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: