Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESÉNTASE este LUNS NA FNAC

Primeira serie en galego para YouTube

Oculta identidade está realizada por un grupo de estudantes de produción audiovisual da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Redacción - 10:20 16/12/2007



Oculta identidade é un thriller, protagonizado por Rubén Riós (Libro de Familia, Pradolongo...), que comeza coa desaparición dun estudante e a búsqueda que emprenden os seus amigos. Bruno Nieto é o seu guionista e director. Estuda o primeiro curso de produción audiovisual da Escola de Imaxe e Son da Coruña e esta é xa a segunda serie que realiza para a rede, despois de Nada es lo que parece, gravada antes do verán en Celanova. Aquela estaba en castelán, pero Oculta Identidade gravarase orixinalmente en galego (aínda que tamén terá unha versión en español), "desenvólvome mellor en galego e, ademais, estamos en Galicia", di Bruno.

A partir do 9 de xaneiro comezarán a rodarse os dez capítulos que compoñen a serie en diversas localizacións da cidade da Coruña, fundamentalmente no entorno da praza de Pontevedra. A filmación realizarase o mércores e xoves. Cando a rodaxe estea completa, que está previsto que dure unhas tres semanas, colgarase o primeiro capítulo en YouTube. Despois, cada semana irase colgando un capítulo duns dez minutos, que incluirá un resumo dos anteriores. "Os capítulos duran un máximo de dez minutos, por limitacións técnicas, así que en cada capítulo sae o que ten que saír, sen nada gratuíto", conclúe. Antes, este luns, a serie presentarase na FNAC da Coruña, a partir das 19.30 horas.

A segunda serie de Bruno Nieto
A primeira serie que Bruno Nieto colgou en youtube chamábase Nada es lo que parece e chegou aos dez capítulos (de case dez minutos cada un), cun total de máis de 50 mil visionados. Cunha cámara dixital, Bruno Nieto construíu un thriller rodado en escenarios de Celanova, Vilanova dos Infantes e Bande, con actores aficionados de Celanova entre os que se atopaba el mesmo.

Porén, as súas intencións iniciais eran moito menos ambiciosas. No primeiro capítulo só saía el, non tiña guión e non tiña vocación de continuidade. Só na "segunda tempada" da serie, a partir do quinto capítulo comezan a intervir máis actores e os guións son máis elaborados. En xeral, toda a serie foi moi amateur e na propia vila de Celanova non souberon da súa existencia até que se colgou o derradeiro capítulo na rede.

Outras series galegas para YouTube
A Asociación Cultural e Xuvenil Acesa de Amoeiro está preparando Un paso en falso, protagonizada tamén por un grupo de mozos, interpretados por rapaces de 13 e 14 anos. O director da serie é Xaime Vázquez e a guionista Iria González. Acaban de rematar a rodaxe do primeiro capítulo, que esperan estrear na Casa-Museo Otero Pedrayo a comezos de xaneiro.

De igual xeito, hai uns meses, o grupo coruñés Superputa gravou e colgou na rede Felisinda, unha telenovela en dez capítulos protagonizada polos propios integrantes da banda de pop.


4.62/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: