Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
URCO EDITORA

Unha nova editorial empregará software e licenzas libres

Especializada en clásicos do fantástico, da ciencia-ficción e do terror, estrearase cunha tradución d'O corvo, de Poe.

Redacción - 17:45 12/12/2007

O xoves 20 preséntase en Compostela, na sede da Fundación Caixa Galicia, Urco Editora, un proxecto editorial pioneiro en Galiza, que aposta pola cultura libre e o software de código aberto. Segundo anuncia na súa web a empresa, todo o proceso de edición faise exclusivamente baixo o sistema operativo GNU/Linux e con programas de código aberto.

Os responsábeis de Urco afirman que o mundo editorial precisa dunha constante innovación e o Software Libre non só permite esta evolución constante senón que obriga a unha permanente renovación. Ademais, evítase o gasto en licenzas.

Urco Editora funciona co sistema operativo Ubuntu, e emprega os programas Gimp e Inkscape para o deseño, Scribus para a maquetación e OpenOffice.org para a redacción. A editora publicará baixo licenzas Creative Commons todas as traducións de textos sen dereitos, por considerar "absurdo, pouco ético e regresivo" usar licenzas restritivas en obras que xa quedaron libres do copyright.

A liña editorial do novo proxecto centrarase na literatura fantástica, a ciencia-ficción e o terror, e principalmente en clásicos, con autores como Lovecraft, H.G. Wells ou Edgar Allan Poe. Precisamente este último abrirá a colección Gótica, cunha edición bilingüe e ilustrada d'O corvo, que se dará a coñecer o mesmo día da presentación da editora.


4.73/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: