Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No prazo "máis breve posíbel"

O Parlamento urxe á resolución do expediente de BIC da casa de Castelao

Pídelle á Xunta que axilice a declaración de Ben de Interese Cultural como "sitio histórico", para convertila nun "espazo cultural senlleiro de Galiza".

Redacción - 14:20 14/12/2007

Os tres grupos con representación no Parlamento, PPdeG, PSdeG e BNG, aprobaron este venres por unanimidade unha proposición non de lei que insta á Xunta a que "no prazo máis breve posíbel" resolva o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) sobre a casa natal de Afonso Daniel Rodríguez Castelao.

Deste xeito a proposición non de lei, presentada polo PSdeG e emendada polo BNG, urxe a declaración de BIC na "categoría de sitio histórico" co fin de "facilitar a súa conversión nun espazo cultural emblemático de Galiza".

O deputado do PSdeG Xosé Manuel Lage Tuñas, que defendeu a proposición, recordou que o Concello de Rianxo, onde se sitúa a casa, impulsou a iniciativa hai tres anos. Salientou ademais do valor patrimonial desta, o seu "valor simbólico" xa que se trata dun lugar "onde se formou unha persoa irrepetíbel ao que este país ten moito que agradecer".

O BNG, por boca do deputado Xosé Ramón Paz Antón, manifestouse nesta mesma liña, aínda que puntualizou que o proceso do expediente está na etapa de contestación de alegacións, e que despois será remitido aos órganos consultivos correspondentes, que terán tres meses para informar. Ademais, aclarou que o edificio xa conta coa protección dun BIC deica a resolución do expediente.

Apoio do PPdeG
Pola súa banda, o PPdeG amosou o "pleno acordo" do seu grupo á demanda. Porén, o deputado popular Maximino Rodríguez Fernández matizou que a iniciativa "denuncia a existencia dunha demora" no proceso e, sarcasticamente, manifestou o seu "abraio" porque "non houbo ningunha crítica ao PPdeG" na intervención dos portavoces socialistas e nacionalistas.

A este respecto, na súa quenda de posicionamento das emendas, Lage Tuñas -que rexeitou a do PPdeG e admitiu a do BNG- matizou que os gobernos anteriores do Partido Popular "fixeron algunhas cousas ben e outras non tan ben". Ademais, recordoulles aos 'populares' que os cidadáns deberon considerar "que non o fixeron tan ben para non lles manter a confianza" nas últimas eleccións autonómicas.


4,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: