Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
INFORME TEMPOS NOVOS

O estado por facer

Dos resultados de marzo dependerá que se afiance ou embarre o Estado en construción. O PP promete parar a vía federalizante pola que o PSOE xa non tira. Os nacionalismos sufrirán a ameaza dun novo bipartidismo. Como interpretalo dende e para Galicia? Facemos catro preguntas abertas a Beatriz Sestayo, José Antonio Portero Molina, Alba Nogueira, Pablo González Mariñas, Pedro Puy e Marta Álvarez.

TEMPOS Novos - 11:51 19/12/2007

1.- Logo das cuestións formuladas polo goberno vasco e o Estatuto de Cataluña, como debera afrontarse na actualidade o debate territorial do Estado?

Alba Nogueira.- É precisa unha reforma constitucional que acolla os cambios experimentados no Estado ao longo deste período. Os constituíntes do 78 trazaron un marco territorial aberto que non podía albiscar a conformación definitiva do mapa nin outros cambios producidos con posterioridade, como a adhesión á UE, que ten consecuencias sobre el. O asentamento definitivo da estrutura territorial do Estado precisa da reconfiguración doutros niveis administrativos -deputacións provinciais-, dunha redefinición da distribución competencial á vista do novo sistema de relacións interna e comunitaria e da adaptación das estruturas institucionais comúns á nova realidade (Tribunal Constitucional, Administración xudicial...).

Marta Álvarez.- O fundamental é que todas as reformas estatutarias que se leven a cabo o fagan de acordo coa nosa Constitución de 1978, dado que é o marco de convivencia que se deron a si mesmos os españois e o único garante dos dereitos e deberes de todos os cidadáns. Ningunha proposta de reforma estatutaria, veña de onde veña, pode rachar o principio constitucional de que todos os cidadáns son iguais en dereitos, deberes e oportunidades. O que non pode caber no debate é a máis mínima posibilidade de que dentro dun mesmo Estado convivan cidadáns de primeira e cidadáns de segunda. Debe defenderse a igualdade dos españois e a solidariedade entre territorios, así como a liberdade da sociedade civil fronte ao intervencionismo. O consenso entre as forzas políticas neste debate e en calquera reforma estatutaria resulta imprescindible. Foi precisamente o consenso o que fixo posible o éxito na transición española e no noso ordenamento constitucional.

Beatriz Sestayo.- Resulta especialmente axeitado abordar o proceso de reforma estatutaria das chamadas nacionalidades históricas -Euskadi, Cataluña e Galicia- ás que o texto constitucional lles reserva un procedemento privilexiado por teren plesbicitado afirmativamente no pasado un Estatuto de Autonomía. Precisamente os seus procesos de reforma marcan o acento sobre os retos de descentralización política e afondamento no autogoberno.

¿Marcan as peticións de Euskadi e Cataluña unha nova forma de afrontar o debate territorial? Sen dúbida o inicial "texto Ibarretxe" ou o novo Estatuto catalán "asaltaron" o panorama político da actualidade iniciando ou renovando reflexións sobre o debate territorial, os límites á descentralización política e competencial ou as novas relacións interiores e exteriores, aspectos remarcados coa reivindicación do carácter nacional destes territorios. Pero tamén é certo que o afrontamento destas cuestións desde unha perspectiva "normalizada ou natural" serviría para afrontramos debates políticos argumentados e sosegados que sirvan para que a cidadanía poida percibir as melloras substantivas que os novos textos estatutarios poidan aportar ás súas vidas cotiás, como persoas individuais ou pertencentes a unha comunidade política.

O debate exasperado e convulso serve de espazo fácil de afloramento de crispación e de caldo de cultivo de demagoxias fundamentalistas mentres escurecen aspectos tan importantes para a nova cidadanía como o desenvolvemento de dereitos de nova xeración, de proximidade na acción de goberno ou de instrumentos para mellorar a calidade de vida. En suma entendo que os exemplos de Euskadi e Cataluña serviron como revulsivo no debate territorial pero que o afrontamento das reformas territoriais deben efectuarse no presente e futuro coa tranquilidade e didáctica necesarias para facer partícipe á cidadanía do que acontece no panorama político, enmarcando o debate nas vías institucionais consensuadas como aconteceu coa decisión de someter o "texto Ibarretxe"no Congreso fronte á posición tremendista amosada polo Partido Popular.

Pablo González Mariñas.- O debate está hoxe en día freado e adiado por razóns políticas tácticas e dende logo tamén electorais. Ao PSOE non lle interesa neste momento "reabrir o melón" da forma de estado, tampouco no seu aspecto territorial, un debate que resultou para el deteriorante tralas reformas estatutarias vasca e catalá. A estratexia do PP, encirrando co "España rómpese", produciu ao fin unha subida dos populares na intención de voto, malia a carencia dun líder atractivo e do socavamento que lles produce o radicalismo patrioteiro e gutural de Acebes e Zaplana. O fracaso das conversas con ETA e o atentado de Baraxas, a crise das infraestruturas catalás, o intento de reprobación da ministra Magdalena Álvarez, a polémica sobre as balanzas fiscais das comunidades autónomas e a súbita "entrada en campaña" de ETA apenas tres meses das eleccións xerais... determinaron -e ultimamente agravaron- un xiro notorio da política de Zapatero cara a posicións máis conservadoras e centralistas. Oxalá se trate dun simple impasse. Sexa como for, o dito configura un horizonte preocupante, que impedirá retomar por agora este debate. O proceso só pode afrontarse noutro clima político menos tensionado. E deberíase facer sen apriorismos e aceptando o carácter evolutivo do Título VIII da Constitución española.

Pedro Puy.- Tras o moi maioritario rexeitamento polo Congreso dos Deputados das propostas do lehendakari Ibarretxe, o actual debate está marcado pola existencia de sete recursos de inconstitucionalidade que seguen pendentes de resolución polo Tribunal Constitucional. Parece razoable, polo tanto, esperar polo pronunciamento do Tribunal Constitucional sobre o Estatut nunha sentenza, xa demorada en exceso, que contribuirá a clarexar o debate desde a súa perspectiva xurídico-política, sexa cal sexa o seu contido.

En segundo lugar, desde unha perspectiva máis xeral, penso que o debate sobre o modelo de distribución do poder territorial que establece a Constitución debería afrontarse, na liña marcada polo Consello de Estado no seu Ditame sobre a reforma constitucional, cara á institucionalización e consolidación dos elementos "federalizantes" do propio sistema constitucional, nomeadamente o Senado, e polo reforzamento dos instrumentos de cooperación intergobernamental, ao tempo que reforzando os instrumentos de autogoberno e incrementando a autonomía.

José Antonio Portero Molina.- Hai que agardar á sentenza do Tribunal Constitucional (TC) sobre o Estatuto de Cataluña. Se o declara constitucional (ou inconstitucional só en preceptos non significativos), a vindeira lexislatura haberá que dedicala a un proceso xeral que culmine, por uns procedementos ou outros, co igualamento competencial, institucional e de trato en todas as comunidades autónomas. Outra cousa non se soportaría politicamente e sería imposible de xestionar. Se o declara inconstitucional en puntos centrais, o Estatuto tería que ser reelaborado cos límites fixados polo Tribunal Constitucional. O importante, en todo caso, é que o TC clarifique os límites non traspasables, cunha interpretación da Constitución non susceptible de ulteriores lecturas diferentes. Se o TC é quen de fixalos, iso valería para a proposta vasca (e para todas).

Se non o fai e as demandas nacionalistas continúan (se non, non serían forzas nacionalistas, claro), creo que sobre un bo entendemento PSOE/PP, porque só así sería posible, habería que ir pensando nunha reforma constitucional destinada a clarificar eses límites de forma definitiva. Non creo que haxa que descartar nesa reforma algunha fórmula xurídica que permitise a realización de consultas aos cidadáns sobre a posibilidade dunha alteración do modelo de Estado. Se, polos motivos que fose, a vontade de secesión chega a ser maioritaria nun territorio, non sería bo para o sistema, nin posible, tratar de obviala ou de cegala mediante o permanente emprego das medidas que puidesen desenvolverse a partir do artigo 155 da Constitución. E calquera outra pretensión non é admisible.

2.- Como podería casar a demanda de asimetría (derivada da afirmación do carácter nacional dalgunhas comunidades) co peche do sistema autonómico?

Pedro Puy.- Máis alá dos feitos diferenciais que a propia Constitución incorpora (a foralidade do Pais Vasco e Navarra, as linguas, o dereito civil propio, a insularidade) e dos que derivan da xeografía (por exemplo, no relativo ás competencias sobre o litoral), a asimetría, e especialmente a xustificada no carácter nacional, casa malamente co marco constitucional vixente. A Constitución establece varios mecanismos para exercitar o dereito á autonomía, que privilexiaron ás tres comuniades autónomas que se veñen denominando, impropiamente, como "históricas" no relativo aos ritmos de acceso ao autogoberno. Pero a propia Constitución establece, no seu artigo 138, como principio básico da organización territorial do Estado o de igualdade de todas as comunidades autónomas, con independencia de que se consideren a si mesmas nacionalidades, rexións, ou "realidades nacionais".

No debate constituínte, por certo, non quedou a menor dúbida ao respecto. O representante dos nacionalismos catalán e vasco na ponencia constitucional, Miquel Roca, afirmou que "na Constitución, ao falarse das nacionalidades e rexións que integran España,... establécese para unhas e para outras un mesmo tratamento no Título correspondente. Non hai distinción canto ao contido substantivo do que vai ser a autonomía". Nun senso moi similar o entón Presidente do grupo socialista catalán, Joan Reventós, afirmou que unha nacionalidade "non pode recibir privilexios por selo, senón que ha de compartir con todas as rexións españolas o mesmo dereito fundamental á autonomía política".

O informe completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 127, decembro de 2007)


4.6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: