Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medio Ambiente

Os ríos que sofren un maior grao de contaminación son o Sar, o Tambre e o Umia

Adega presentou as conclusións extraídas do informe anual do Proxecto Ríos.

Lucía Iglesias - 14:50 19/12/2007
Verquidos no río Sar

Verquidos no río Sar

Dúas veces ao ano, un grupo de voluntarios fai un seguimento do treito dun río elixido por eles mesmos. Estas inspeccións, de carácter educativo, dan como resultado un informe no que quedan recollidas as características ambientais no ámbito deses ecosistemas fluviais.

Os datos obtidos neste informe desvelan que os ríos analizados gozan de bastante boa saúde, xa que o fluxo e o cheiro da auga están dentro dos parámetros normais, mentres que a cor da auga é maiormente transparente, aínda que nalgúns treitos baixase turbia, sobre todo na primavera. En canto á temperatura, as inspeccións revelan que está dentro do normal, arredor de 10-15 graos, e o pH se sitúa tamén dentro dos niveis habituais.

Na maioría das inspeccións, os nitratos, que reflicten a contaminación dos ríos, non están presentes na auga, ou a súa concentración é moi baixa. Os datos reflicten que en primavera o 63 por cento dos ríos están sans, o 27 presentan primeiros síntomas de contaminación, o 8 por cento están en situación deficiente, o 2 grave e ningún en situación moi grave. En outono os datos son moi similares, co 68 por cento sans, 26 con primeiros síntomas, 6 en situación deficiente e non hai treitos en estado grave ou moi grave.

Alarmante contaminación no río Sar
Os datos máis negativos atópanse na contaminación dos tramos inspeccionados do río Tambre, Sar ao seu paso por Compostela, Umia e Rois, na conca das Rías Baixas, e os tramos do Cans na do Miño, así como algúns treitos do Anllóns na conca do Arco Ártabro e Firterrá. No que respecta á conca do Limia e do Douro, o máis prexudicado dos analizados foi o río Cadós, mentres que na do Cantábrico, os datos recibidos mostran a boa saúde dos dous treitos analizados, un no río Narón e outro no Xunco.

Segundo indicou o presidente de Adega en Compostela, Francisco Bañobre, o río de Sar é un dos máis contaminados de Galiza, está “moi degradado debido xa que existen colectores que verquen directamente as augas fecais”.

O estado do bosque da ribeira, presenta alteracións importantes ou están moi degradados en máis da metade dos treitos analizados na primavera, estando o resto en bo estado. Os datos recollidos en outono presentan peores resultados, xa que reflicten que o bosque de ribeira mostra alteracións importantes no seu estado de conservación na maioría dos treitos analizados, aínda que non aparece ningunha zona moi degradada.

Resultados de Adega
Segundo o colectivo ecoloxista, este informe non reflicte a realidade xeral da situación dos ríos do noso país, xa que non é unha mostra significativa dos mesmos. O proxecto ten un carácter principalmente didáctico, e quere sobre todo chamar a atención aos gobernos sobre a situación na que actualmente se atopan os ríos galegos. A secretaria xeral de ADEGA, Virxinia Rodríguez, indicou que os tramos escollidos na maioría dos casos non pertencen aos ríos contaminados de Galiza, senón que os voluntarios prefiren escoller zonas máis limpas para efectuar a análise.

Dos datos, conclúese que os ríos están afectados principalmente por tres problemas: a alteración do hábitat por especies introducidas, a contaminación das augas, e a limpeza das marxes residuais. Este proxecto debería servir, segundo Virxinia Rodríguez, para chamar a atención de entidades como Augas de Galicia, que actualmente non está a participar en ningún tipo de iniciativa destas características.


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Río Sar, un dos máis contaminados
Río Sar, un dos máis contaminados