Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Parón no sector

A construción ou o paradoxo da lei da oferta e da demanda

Se canta máis vivenda hai, máis lle costa ao cidadán acceder a ela, a crise deste sector pode supoñer un acceso máis doado para os cidadáns.

Lucía Iglesias - 19:17 19/12/2007
Son moitas as persoas que demandan unha vivenda digna

Son moitas as persoas que demandan unha vivenda digna

Cando todas as teorías económicas indican que se a oferta aumenta, diminúe o prezo do produto, o sistema inmobiliario galego vai ao revés. Segundo a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, o noso país viviu nos últimos anos un incremento no sector da construción, pero isto, en lugar de facilitar o acceso á vivenda da poboación, o que fixo foi que o prezo dos inmóbeis continuase a ascender até chegar a un nivel case inalcanzábel para o traballador medio.

A conselleira advertiu que a tendencia actual está a piques de cambiar, xa que o sector da construción, vai sufrir unha baixada en vivenda nova, e a de prezo limitado vai ser a que prolifere no futuro. O auxe deste tipo de construcións, que é o que “demanda a sociedade”, vén provocado pola deceleración da vivenda libre, o que “reforza as teses de quen defende as verdadeiras políticas de vivenda”

Teresa Táboas describiu como “curioso absurdo” esta situación na que a pesar de haber tanta vivenda “queden segmentos importantes da poboación, fóra do acceso” e destacou que actualmente en Galiza existe unha “gran demanda” de vivenda de prezo limitado no Rexistro Único de demandantes de Vivenda Protexida. O paradoxo continúa, xa que a pesar da existencia desta elevada demanda, os datos publicados hai uns días polo Colexio de Rexistradores indican que tan só un 1,65 por cento dos inmóbeis que se construíron no terceiro trimestre deste 2007, foron dedicados a vivenda protexida.

Non máis especulación
O exceso de construcións, supuxo que fosen utilizadas "como ben de consumo para especular e non para dotar de vivenda". Táboas criticou este tipo de uso dos inmóbeis e a aqueles que "aforran, mercan dous ou tres e non os utilizan", causado sobre todo pola ausencia en Galiza dunha política de vivenda, sendo o mercado libre o encargado de equilibrar.

Para rematar con esta situación, na que moitas persoas quedaron fóra do círculo de compra de edificacións, a conselleira anunciou que dende o seu departamento van apostar pola construción de vivendas de prezo limitado, ás que poidan acceder ás familias "e non se vexan hipotecadas de por vida". De feito, anunciou que para o vindeiro ano está previsto que se aproben medidas lexislativas nas que se contemple a reserva de solo para vivenda de prezo limitado.

Así mesmo, Táboas indicou tamén a intención da Consellaría que dirixe de reservar zonas para construír un parque de vivendas "permanente e suficiente" en aluguer para mozos, e así "poder baixar os niveis de idade de emancipación que noutros países da UE é moito menor que aquí".


4.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: