Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Novos artistas

Manuel Suárez faise co Premio Auditorio de Galiza

Con 'Desocultamento', este compostelán recibiu o máximo galardón por unanimidade do xurado.

Redacción - 17:30 21/12/2007

O panorama artístico galego está de parabéns. O Auditorio de Galiza entregou os seus premios bianuais para Novos Artistas, nunha convocatoria que contou cun total de 150 traballos. Vídeo, pintura, ou fotografía, son só tres das modalidades elixidas polos participantes para realizar estes proxectos, que segundo indicaron os membros do xurado, contan cunha grande calidade.

O primeiro premio, dotado con 6.500 euros recaeu en Manuel Suárez Eirís, que coa súa obra Desocultamento engaiolou a todos os membros do xurado. Os seus “desocultamentos” consisten na acción de riscar en paredes das habitacións de casas abandonadas, para ir descubrindo as súas diferentes peles, isto é, as capas de pintura ou papel. Ditas peles son reflexo da historia desas paredes, é dicir, testemuños das persoas que alí habitaron.

Os accésits, que estaban recompensados con 1.500 euros, foron para David Ferrando, con Cry Wolf (Making of), Sara Fuentes por I, II, III, IV, V (exposicións secretas, MARCO), Jorge Gómez Perianes con Sen título e Amaya González, pola súa Pretensión. Ademais cinco galardóns, tamén haberá un Premio do Público, resultante dos votos dos visitantes, que se poderá coñecer unha vez rematada a mostra.

Unha mostra, 31 artistas
A exposición estará aberta ao público até o vindeiro 24 de febreiro de 2008, cun horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, exceptuando os días de concerto que a hora de peche adiantarase ás 19:00. Composta polas obras de 31 dos 150 artistas que participaron, a mostra resultante do V Premio do Auditorio de Galicia para Novos Artistas, convértese nunha plataforma para sacar á luz a grande potencialidade creativa dos mozos galegos.

O Premio naceu hai seis anos coa vontade de dar enerxía e vitalidade á xuventude artística, e con vocación de continuidade. Ademais da dotación económica, este galardón inclúe a exposición no Auditorio de Galiza, cos traballos seleccionados e a oportunidade de mostrar as obras na sede da Fundación FEIMA de Madrid.

O acto de entrega de premios contou coa presenza de varios membros do xurado, entre os que se atopan o crítico e comisario independente Pablo Fanego; a profesora de pintura da Facultade de Belas Artes, Almudena Fernández; o director do MARCO, Iñaki Martínez; Javier Blanco, pola Fundación FEIMA; o director-xerente do Auditorio, Xosé Paulo Rodríguez e o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, así como os artistas participantes na convocatoria.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Sen título' de Jorge Perianes
'Sen título' de Jorge Perianes
A obra gañadora, 'Desocultamento', de Manuel Suárez
A obra gañadora, 'Desocultamento', de Manuel Suárez