Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
SEIS MESES DESPOIS DE PERDER O CARGO

A Fiscalía do TSXG solicita que se investigue o ex alcalde de Arteixo por presuntos delitos urbanísticos

O ministerio público sospeita que o anterior executivo teceu unha trama de empresas paralelas ao consistorio.

Redacción - 19:31 26/12/2007

As investigacións sobre supostas tramas urbanísticas proseguen polo país. Este mércores sóubose que un dos fiscais do TSXG, Antonio Roma, vén de pedir que se investigue o ex rexedor de Arteixo, Manuel Pose Miñones (PPdeG), por presuntos delitos urbanísticos. O ministerio público considera probado que o ex munícipe votou a favor de concesións de licenzas que beneficiaban a empresas nas que el mesmo participaba.

Entre outras presuntas ilegalidades estaría a de que o arquitecto municipal tería desenvolvido tarefas públicas canda a dirección de obra de edificios pormovidos pola sociedade “Os Bosques de Arteixo”, onde participaba Pose Miñones.

Mais o ministerio público coida que na trama tamén estarían involucradas as sociedades 'Arteixo Consulting S.L' e 'Arista Xestión de Arquitectura e Urbanismo, S.L' vinculadas ca tamén ex tenente de alcaldesa do concello, Isabel Vila (PPdeG). O fiscal sinala que estas empresas se beneficiaron de diferentes adxudicacións directas do consistorio. Unha brigada da Garda Civil especializada en delitos urbanísticos investiga xa o caso.

...Seis meses despois de perder a alcaldía...
Manuel Pose Miñones gobernou Arteixo entre 1995 e 2007. As eleccións de maio déronlle a alcaldía máis visíbel que tiñan os conservadores aos socialistas. Pose Miñones, que tamén foi un destacado cargo da Deputación da Coruña presidida por Torres Colomer, logrou varias maiorías absolutas nun concello tradicionalmente de esquerdas.

Aínda que a cúpula do PPdeG tentou pechar filas arredor del, os escándalos urbanísticos comezaron a deteriorar a súa imaxe meses antes dos comicios. A crise acabou fendendo a agrupación local do PPdeG e un bo número de militantes e concelleiros acabaron creando no municipio Terra Galega. En maio deste ano, o PP conseguía 8 concelleiros, o PSOE 5; Terra Galega, 5; e BNG, 3. Na actualidade a alcaldía correspondelle á socialista María do Pilar Souto mentre que a tenencia de alcaldía foi para Xosé Márquez (TeGa).

O municipio de Arteixo non parou de ter un medre urbanístico nos últimos anos, a súa proximidade á Coruña e ao polígono da Grela fixo da vila unha pequena 'cidade-dormitorio'. Un dato significativo é que o concello pasou de ter menos de 18 mil habitantes en 1991 até os máis de 27 mil que ten na actualidade.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: