Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Galiza-Camerún

A Irmandiña amansou uns leóns indomábeis que sufriron para empatar

Balaídos foi unha auténtica festa. Máis de 25 mil persoas nas bancadas animaron sen parar aos galegos. A escuadra irmandiña empatou a un gol e prosegue, imbatíbel, a súa andaina.

Redacción - 00:32 27/12/2007

“Unha nación, unha selección”, un vello lema na curta pero xa intensa historia de emocións nas bancadas seareiras que outra vez decorou o estadio, desta volta Balaídos, para recibir a selección. Unha selección que nesta cita viña bautizada: a irmandiña.

Arredor de 25 mil afeccionados sentaron a veren en directo o partido Galiza-Camerún, e chegados de todos os puntos do país corearon as consignas. Velaí unha con eco abondo esta noite: “Ao próximo mundial, coa selección nacional”. Houbo festa futboleira como non se lembraba hai anos en Vigo. Refachos da canfurnada que corría pola cidade olívica nos tempos das xestas celtistas en competicións europeas. As peñas encheron bares, coches e buses atreboaron a capital do sur.


A festa nas gradas, a golpe de pancarta con noticia de procedencias varias: Tomiño, Melide, A Coruña...

Os cameruneses fanse de rogar
E porén, unha hora e media tiveron que agardar os seareiros pola chegada dos xogadores de Camerún. A paciencia festeira dos romeiros do fútbol salvou a cita entre ondas nas bancadas, cantares e coplas e humor do mellor. Mentres, confirmábase o atraso na chegada dos xogadores cameruneses pola rifa coa súa propia federación, ao respecto das primas que acordaran cobrar pola próxima participación na Copa de África. Nun último abrollo dunha profesionalidade posta en dúbida na noite deste xoves, o cadro camerunés chegaba de volta a Balaídos.

Primeira parte: dominio irmandiño
Así, finalmente, empezou a festa tamén sobre o céspede. Nos primeiros 45 minutos o combinado irmandiño faloulle de ti a ti a un dos mellores equipos de África. Relanzos de calidade e posesión de coiro repartido entre as dúas seleccións.



Máis foi Galiza quen demostrou máis ambición á hora de achegarse á área rival. Referencia galega outra vez no medio do campo, Viqueira controlaba o partido con cabeciña repartindo xogo para as tropas de Breogán. No minuto 29, Jhonatan Pereira tirou un balón á dereita de Kameni que pasou perto do seu pau esquerdo. Máis tamén improvisaron sustos os leóns: no minuto 36 chegou Camerún por primeira vez á área galega, e no 42 o rebuldeiro Tomou, un dos máis activos, quedou só diante da porta defendida Diego López, que resolveu a situación cunha saída que levantou os afeccionados en aplausos.

Segunda quenda: outro gol bravú
Na segunda parte chegaron os goles. A escuadra irmandiña saíu con forza aínda que sen demasiada fortuna. Os galegos, motivados polos incansábel apoio dos seareiros ao berro de "Ga-li-za!", buscaron un gol que chegou por fin no minuto 72, mais os alicerces do tanto comezaron catro minutos antes. Aspas chegou coma un lóstrego diante da portaría de Kamedi. Unha falta dentro da área fixo que os leóns indomábeis puxesen o autobús na liña de meta. A man de Job evitou que entrase o primeiro gol galego. Porén, o árbitro estivo enriba da xogada e botou fóra ao camerunés e pitou penalti. Era o minuto 72 cando Xulio Álvarez correu cara o punto de penalti e colocou o coiro á dereita da malla de Kameni, levando o delirio ao campo vigués.

Balaídos era unha pota de presión e os siareiros non dubidaron en aclamar cada unha das xogadas dos irmandiños. Porén, torceuse a sorte ás portas de pechar o encontro, cando no minuto 86 chegou outro penalti, esta vez a prol dos cameruneses. Song foi o encargado de furar a meta de Diego López. Non deu tempo a moito máis, Vigo era unha festa, a festa do fútbol galego e nesas foi cando o colexiado dixo o acabouse.

Pero a práctica futboleira enriba do campo fixo boa unha vez máis a avaliación do adestrador Fernando Vázquez hai xa tres anos en Compostela: "Vistes como valemos". Galiza demostrou unha vez máis que non é inferior a algunhas das mellores seleccións do mundo e máis coa paixón da grada facéndolle ferver o sangue aos futbolistas.


Máis en Vieiros:




5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: