Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MONCHO IGLESIAS, PROFESOR DA UNIVERSIDADE DE BELÉN E POETA

"Sei que os poemas son inútiles, pero no momento válenme: é unha forma de berrar"

Presenta o seu poemario 'Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos' (Ed. Positivas) este martes na Libraría Couceiro de Compostela.

Marcos S. Pérez - 17:21 08/01/2008

Houbo quen dixo que na Italia da postguerra era imposíbel facer outro tipo de filmes que os que recibiron a etiqueta do neorrealismo italiano, películas duras, crúas, que narraban con certo estilo documental os mecanismos cotiás de superviencia dos seus habitantes. Do mesmo xeito, vivindo en Palestina é inevitábel escribir sobre o que alí sucede, sobre o sufrimento diario do pobo Palestino. En Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos Moncho Iglesias, colaborador de Vieiros, explora a imposibilidade de realizar os actos máis simples (Prohibido recibir cartas ou Ela nunca viu chover) e a rabia muda que esa situación xera (As bágoas contémplanvos).

Os poemas están acompañados dunha serie de fotografías tiradas polo propio Moncho Iglesias, unhas imaxes nas que se erguen, omnipresentes, o muro construído por Israel e a ocupación militar xudea. En xeral, tanto nas fotografías coma nos poemas o ton é agridoce, como a vida cotiá dun pobo que sobrevive malia a todo: Mohammad é alegre e simpático/ Di que lle gusta rir/ E que ri, cando menos, media hora ao día (...) O resto do día chora/ Case todos os seus amigos morreron/ ou están en prisión.

Escribir forma parte da túa vida diaria en Belén? Escribes todos os días?

Sí, no fondo o libro é como un diario, poemas que xorden da necesidade de escribir o que pasa no día a día. Eu, nas crónicas que envío para Vieiros procuro contar o que normalmente non se conta, a parte da realidade de Palestina que non se ve. Porque no día a día a xente fai a súa vida, divírtese. Un exemplo é un magosto que levamos dous anos organizando en Belén, con bastante éxito.

Pero os poemas son moito máis crus...

Si, os poemas, pola contra son máis inhumanos (ou máis humanos por iso mesmo), porque a realidade non é bonita todos os días. Aquí forma parte de realidade cotiá ver como os soldados israelíes entran á forza na casa dun veciño, e outras cousas máis simbólicas que axudan a explicar o que aquí sucede. Por exemplo, o outro día eu estaba na praia e un alumno meu chamoume para pedirme que lle levase un pouco de area, porque el nunca vira o mar, nin podería velo, porque vive en Belén e non lle deixan saír da cidade.

Un paradoxo, non? Non poder saír dunha cidade pero si comunicarse polo móbil...
Si, pero tampouco é tan doado para os palestinos comunicarse polo móbil. Hai só unha compañía palestina, Jawal, que ten moi boa cobertura en Gaza, pero moi mala en Cisxordania e coa que antes non podías chamar a outras compañías. Así pois, por exemplo, antes apenas podíase falar polo móbil entre os dous territorios. E unhadas cousas que pasan e que son moi difíciles de entender; por exemplo dende que se construíu o muro, a viaxe entre Xerusalén e Belén, que antes levaba dez minutos, agora leva máis dunha hora.

Nesa situación, cando estás escribindo, algunha vez mantinas na utilidade ou inutilidade de escribir?
Sei que é inútil, que é unha parvada (nun dos poemas di: Escribín ideas inútiles que servisen de consolo). Pero no momento válenme, son necesarios. Escribir é unha forma de berrar, de estrelar o lapis contra o papel. É como falar cun psicólogo ou recibir o abrazo dun amigo.

O que sempre me chamou a atención é esa capacidade para levar a cabo a vida cotiá nesa situación tan brutal
A verdade é que ao final habitúaste. Eu por exemplo afíxenme a ver os soldados pola rúa, e a que me apunten cunha metralleta, ou a que en Israel, por exemplo, che pidan identificación para entrar en calquera comercio.

Que percepción ten a xente? Hai desesperanza?
A visión é cada vez máis negativa e pesimista, e é moi comprensíbel. Abonda con ver o que sucedeu en Annapolis, onde non se conseguiu avance ningún, e que tiña un problema de partida: que só unha parte (e non maioritaria) dos palestinos estaba representada, ao non estar presente Hamas. E eu entendo ese cansancio, porque eu tamén sufro os controis policiais e a mala educación dos soldados israelís. E iso que a min trátanme mellor por ser extranxeiro. Eu, de todos os xeitos, dígolle á xente que non poden perder a esperanza, que teñen que seguir, que teñen que loitar. Sen recorrer á violencia física, claro, pero si á violencia verbal, á violencia artística, á violencia cultural.

Que papel ten a poesía na sociedade palestina?
A poesía é incribelmente popular entre os palestinos, aínda que a xente non le moito porque non ten acceso aos libros, pois por exemplo en Belén non hai librarías, e o mellor que hai é a biblioteca da universidade, que ten uns fondos moi vellos. Pero poetas como Mahmoud Darwich teñen un seguimento impresionante, e os seus recitais están ateigados de xente. O mesmo que Fairuz, a cantante libanesa. Os seus poemas son himnos, forman parte tamén da protesta social.

Que significa a dedicatoria A Um Ali e hamula? A quen lle dedicaches o libro?
Um significa nai. E Ali é o meu mellor amigo en Palestina, como o meu irmán máis vello. E haluma é a familia palestina, que é moi ampla. Así que o libro está dedicado á nai de Alí, especialmente, e á súa familia, que é a miña.


4,76/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxes do muro construído por Israel para separar Belén e Xerusalén tomadas polo propio Moncho Iglesias
Imaxes do muro construído por Israel para separar Belén e Xerusalén tomadas polo propio Moncho Iglesias