Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Quince días despois

O conflitivo pleno do PXOM de Vigo chega á Fiscalía

O MpDC considera que Abel Caballero vulnerou os dereitos dos cidadáns ao prohibir o acceso ao pleno sobre o Plan Xeral do pasado 29 de decembro.

Redacción - 18:35 08/01/2008

O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) remitiu un escrito á Fiscalía do Estado co que queren poñer en coñecemento desta institución a decisión do goberno de Vigo de impedir a entrada aos veciños ao pleno do PXOM do pasado 29 de decembro.

Segundo o MpDC a decisión do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de vetar o acceso ao pleno dalgúns veciños "vulnerou o dereito fundamental dos cidadáns de participar na vida pública valéndose de mentiras e discriminando a unha parte dos seus administrados".

Ao denunciar este feito, o MpDC agarda que a Fiscalía inicie unha investigación para aclarar o acontecido e depurar as responsabilidades da actuación do concello vigués.

O acontecido no pleno do PXOM
Segundo a versión oficial, o alcalde, Abel Caballero, bloqueou o acceso ao edificio municipal ante a falta de sitio para acoller a todos os veciños que pretendían acudir ao pleno. Mais, segundo o MpDC, os presentes tiñan constancia de que había espazo suficiente par toda a xente que se achegou até o concello. Ademais, segundo contan "para sorpresa dos propios policías locais e dos veciños concentrados nas portas, un grupo de persoas logrou entrar sen problemas á casa consistorial por un acceso lateral", co que "se produciu unha clara discriminación" con parte dos veciños.

O Movemento tamén salienta que os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos e que "a vulneración dos dereitos dos individuos recollidos na Constitución Española é un delito penalizado". Para este colectivo, a actitude de Caballero demostra que "a pesar do cambio de goberno, os métodos empregados para 'disuadir' as mobilizacións sociais seguen a ser os mesmos", cunha actitude que "reviste maior gravidade ao se tratar dunha institución pública encargada de velar e protexer o cumprimento dos dereitos dos seus administrados".


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: