Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Éxito dos produtos galegos no exterior

Un godello do Valdeorras, "wine of the week" en Los Angeles Times

O segundo periódico metropolitano con máis tirada dos Estados Unidos leva ás súas páxinas o 'Val de Sil' de 2005.

FAA - 10:45 12/01/2008
A adega está situada no Concello de Vilamartín, en Valdeorras

A adega está situada no Concello de Vilamartín, en Valdeorras

"Wine of the week: 2005 Bodegas Valdesil Val de Sil Godello Valdeorras". O prestixioso diario Los Angeles Times -o segundo xornal metropolitano con máis tirada dos Estados Unidos despois do The New York Times- salienta nas súas páxinas un branco do Valdeorras como mellor viño da semana.

Trátase do Val de Sil, das Adegas Valdesil situada no Concello de Vilamartín (Valdeorras), que o experto do diario cualifica como "un dos mellores da variedade Godello".

"Galiza, a rexión celta no extremo noroeste de España, produce brancos sedutores da uva autóctona Godello, que xa case desaparecera até que en 1970 foi redescuberta. Un dos mellores é o Val de Sil, das Adegas Valdesil elaborado 100% con Godello non envellecido en madeira", afirma.

Ademais de analizar as características do caldo, o xornal suxire unha serie de pratos cos que combinalo (vieiras, grellada de marisco ou mesmo fricandó de polo), así como unha relación de lugares da cidade californiana onde podelo adquirir por entre 15 e 18 dólares (11-13 euros).

Viño de xuño
A directora comercial de Adegas Valdesil, María Añibarro, afirma que aínda que este viño -"que sae sempre en xuño"- tamén se comercializa en Galiza (a un prezo que ronda os 10 euros), se dedican principalmente a distribuílo no exterior. "Traballamos moito o tema da exportación", di.

Non é a primeira vez que un dos caldos desta adega ten un recoñecemento internacional: no ano 2006 o Montenovo do 2005 recibiu a cualificación 'Excepcional Value' por parte da prestixiosa revista especializada Wine & Spirits.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A información, na web do diario californiano
A información, na web do diario californiano