Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
CONGRESO I+C NA FACULTADE DE CIENCIAS DA COMUNICACIÓN

A Asociación Estatal de Investigación da Comunicación constituirase en Compostela

Do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro desenvolveranse unhas xornadas coa presenza de expertos internacionais.

Redacción - 18:15 14/01/2008

Compostela será a sede do congreso fundacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), que terá como lema "I+C, investigar a comunicación". Organizarán o evento, que se vai desenvolver do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro, a Facultade de Ciencias da Comunicación e a Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM).

No acto de constitución estarán presentes personalidades internacionais da comunicación, como Néstor García Canclini, que pronunciará a conferencia inaugural, Tapio Varis, Raúl Trejo ou Erick Torrico. O congreso pretende crear un foro de debate sobre os métodos de investigación na comunicación.

A sesión inaugural xirará arredor de catro eixos temáticos: democracia e cidadanía, as políticas de comunicación e a cultura, a sociedade da información e a creatividade e a produción de contidos. Durante o congreso presentaranse comunicacións sobre teorías e métodos de investigación en comunicación, estudos de recepción, estrutura dos medios, estudos sobre o discurso e tecnoloxías da comunicación e da información, ademais de temas relacionados coa saúde, a migración, a comunicación organizacional, publicidade e relacións públicas e formación e educación en comunicación.

O programa de "Investigar a comunicación" inclúe tamén mesas redondas sobre a investigación da comunicación no Estado Español, a docencia nas Facultades de Comunicación, as políticas de investigación e comunicación e a cooperación entre o Estado Español e América Latina. Ademais dos contidos puramente técnicos, o programa inclúe actividades culturais no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia, e visitas guiadas por Compostela e por Lugo durante a fin de semana.

Na web do congreso é posíbel tramitar a inscrición nas xornadas e descargar o programa completo en PDF.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: