Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reportaxe: O home, lobo para ... o lobo? (I)

O lobo estará máis protexido coa nova redacción do Plan de Xestión

Temido, mitificado, cazado, envelenado, ... A convivencia entre humano e lobo nunca foi cordial, sobre todo para o segundo. Debullamos algunhas das claves que poden mudar esta situación.

Fernando Arrizado - 09:00 22/01/2008
'Canis lupus signatus', nome científico do lobo galego

'Canis lupus signatus', nome científico do lobo galego

Galiza é o único territorio do noroeste peninsular que non conta cun Plan de Xestión do lobo (Asturias e Castela e León téñeno, en Portugal está absolutamente protexido). En agosto de 2006, o DOG publicaba un borrador da Consellaría de Medio Ambiente para información pública, que foi duramente criticado pola maioría dos colectivos implicados no 'problema do lobo' xa que, paradoxalmente, se incidía no aspecto cinexético deste para a súa protección.

Precisamente, hai pouco máis dunha semana, o líder do Partido Popular e candidato a presidir o goberno español, Mariano Rajoy, afirmaba que "a caza é fundamental na conservación das especies" e que de gañar actuará "en consecuencia" coa súa convicción. No entanto, cómpre lembrar que Galiza ten todas as competencias sobre a caza e, tamén, sobre a xestión do lobo.

Actualmente, o plan galego está a ser reelaborado e, segundo puido saber Vieiros, a especie pasará a contar cun grao de protección máis elevado ca co que conta na actualidade e ca co que estabelecía o primeiro borrador da consellaría, elaborado, por outra parte, polo anterior goberno da Xunta.

Lexislación: De "alimaña" a "especie de interese comunitario"

Deica 1970, cando entrou en vigor a Lei de Caza, o lobo ibérico (Canis lupus signatus) estaba considerado como "alimaña" pola lexislación vixente no Estado Español, e o seu exterminio non só se castigaba senón que era premiado. Coa aprobación desa norma a especie incluíuse dentro das de "caza maior" (art. 4).

En 1986, os estados español e portugués, tras a súa entrada na UE, ratifican o Convenio europeo de Berna (1979); o lobo pasa a ser considerado "especie de fauna protexida" na Península Ibérica, mais a Directiva Hábitat da UE de 1992, asinada polo Estado Español en 1995 -e por Portugal en 1997- estabelece dúas zonas diferenciadas de protección.

Así, o lobo é "especie de interese comunitario de carácter prioritario", non cinexética, ao sur do río Douro namentres que ao norte se considera "especie que debe ser compatíbel co estado favorábel das poboacións", é dicir, que ten que ser respectado sempre que non choque cos interese humanos e, polo tanto, que pode ser cazado en determinadas circunstancias.

O censo de lobos, baseado nos ataques

O dato clave para levar a cabo unha correcta xestión dunha determinada especie nun determinado territorio é coñecer o número real de exemplares desta. En Galiza, segundo recolle o primeiro borrador do Plan de Xestión, "a información máis actualizada sobre os aspectos poboacionais do lobo correspóndese cos últimos estudos realizados durante o período comprendido entre 1999 e 2003".

Estes confirman a existencia "segura" de 60 mandas, e "probábel", a de oito. Xa que logo, calcúlase unha poboación neste período de "entre 420 e 625" lobos. Partindo desta cifra, o Plan de Xestión -o primeiro e o que está en fase de redacción e vai ser presentado ao longo de 2008- bota man dos datos por ataques rexistrados nos últimos anos para determinar se medrou ou diminuíu o número de exemplares en Galiza.

O programa de axudas por ataques de lobo para o gando semiextensivo comezou en maio de 2003. En 2004 houbo 164 expedientes solicitados, dos cales 127 resultaron negativos, é dicir, que os técnicos determinaron que non fora o lobo o autor da morte das reses. En 2005, 178 (138, negativos); en 2006, 316 (150, negativos); e en 2007, aínda que non hai datos concluíntes, estudáronse 409 casos.

En base a estes datos, o Plan de Xestión estabelecía a zonificación do país en tres espazos; a protección do lobo -ou mellor dito, a posibilidade de ser cazado- variaría en función das zonas. Este é outro dos puntos máis criticados polas asociacións ecoloxistas nas súas alegacións (en Asturias e en Castela e León, ambas as dúas rexións cun Plan en vigor, a zonificación está a ser extremadamente prexudicial para a conservación da especie).

Inclusión dos cabalos salvaxes na cuantificación dos ataques

Emilio Rosa, subdirector de Caza e Pesca da Consellaría de Medio Ambiente, afirma que "a poboación de lobo non diminuíu", tendo en conta os datos de ataques dos últimos anos. Porén, afirma que é só a partir de 2007 cando se comeza a incluír os danos producidos na cabana equina salvaxe. Isto explicaría o aumento no número de expedientes abertos, mais non significa que o número de exemplares de lobo aumentase.

Outro dato significativo: no período 1999-2003, o 64% das mortes de lobo produciuse a causa de atropelos; o 20% a causa de actuacións ilegais, e o 6% destas, por envelenamento. A percepción na sociedade é que a presencia do lobo aumenta -situación á que contribúen en grande medida os medios de comunicación- mais dista moito de ser unha realidade.

As axudas aos gandeiros polos ataques de lobo aumentaron en case un 60% dende o primeiro ano en ser concedidas, 2003. Porén, todos os axentes implicados consultados considéranas insuficientes, lentas en seren aplicadas e que obedecen a criterios en moitos casos demasiado estritos.


Documentos

Ligazóns

5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: