Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Importante precedente xudicial

Condena aos responsábeis da marea negra do Erika

Ademais da petroleira, o propietario do buque, o administrador e a sociedade de clasificación, terán que afrontar a sanción fixada pola xustiza francesa: 192 millóns de euros para os afectados.

Redacción - 09:00 17/01/2008

Mentres o caso do Prestige segue enleado nas burocracias xudiciais, outra importante catástrofe por vertido de petróleo, a que protagonizou o Erika en 1999, foi resolta esta semana nos xulgados. O Erika naufragara o 12 de decembro de 1999, vertendo no Golfo de Biscaia arredor de 20 mil toneladas de fuel, nunha marea negra que lle afectou a uns 400 km de litoral.

Os catro sentenciados, a petroleira francesa Total, o propietario armador do buque, Giuseppe Savarese, o administrador, Antonio Pollara, e máis a sociedade clasificadora, Rina, estes tres últimos todos italianos, involucrados no caso Erika, foron condenados a pagar conxuntamente unha cantidade que chega aos 192 millóns de euros. O capitán do Erika, o indio Karun Mathur, foi exculpado de calquera responsabilidade no naufraxio.

Trátase dun caso inédito en Francia de xuízo por catástrofe ecolóxica e que finaliza con sentenza exemplar que recoñece a existencia dun prexuízo ecolóxico causado por danos ao ambiente. No caso da empresa petroleira, por exemplo, o xuíz fala dun delito de "imprudencia" ao considerar que Total non tivo en conta a antigüidade do buque, arredor de 25 anos, e as eivas na xestión e no mantemento deste.

Os afectados avialaban o impacto en mil millóns de euros
O total das indemnizacións aínda está lonxe dos mil millóns de euros que reclamaron as 101 partes civís presentadas como demandantes (moitas delas finalmente foron rexeitadas). O principal beneficiario das indemnizacións vai ser o Estado francés, ao que lle van corresponder case 154 millóns de euros. Un total de 38 millóns van para as rexións máis afectadas pola marea negra (Bretaña, Pays de la Loire, Poitou-Charente, Finisterra, Loire Atlantique e Vendée). Entre as organizacións que van recibir algún diñeiro como indemnización está a Liga para a Protección das Aves (LPO) (que vai recibir 800 mil euros), e a WWF e Greenpeace (33 mil euros para cada unha). O avogado de Total, Daniel Soulez-Larivière, vaille aconsellar á compañía petrolífera que apelen a sentenza, porque considera que "non foi xusta".

Poden ampliar información aquí:


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: