Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Como funciona a vixilancia empresarial coa internet

Cando controlar e cando non controlar?

Unha sentenza dáballe por primeira vez a razón a un empregado ao que lle andaran no ordenador. Mais, que limites hai no control do que os traballadores fan coa rede?

Redacción - 11:00 19/01/2008
Se non hai un protocolo de actuación, os xefes non poden espiar os ordenadores dos seus empregados / Flickr: jovike

Se non hai un protocolo de actuación, os xefes non poden espiar os ordenadores dos seus empregados / Flickr: jovike

É ben sabido que as persoas que traballan na rede teñen múltiplas posibilidades abertas no seu computador... poden mirar se lles tocou o cupón da ONCE na rede, engancharse ao Messenger ou aos foros e chats, baixar filmes ou discos, e mesmo peor! (para os seus xefes): venderlle información confidencial á competencia.

Son casos reais que poden chegar a afectar aos directivos das empresas, aínda que os empresarios cada vez se están amosando máis tolerantes co uso que da tecnoloxía fan os seus empregados. Mais, pola contra, queren estar preparados, por se xorden os problemas.

Os límites entre o dereito á intimidade dos traballadores e o control por parte das compañías do uso das ferramentas informáticas non estiveron nunca moi claros. Unha das últimas sentenzas do Tribunal Supremo relacionadas co emprego da internet no traballo (que lle daba a razón a un empregado dunha empresa coruñesa ao que lle rexistraran algunhas carpetas no seu computador), dálle algunha chave a empresas e empregados para saber como actuar nestes supostos.

En primeiro lugar, o tribunal deixa claro que a vixilancia dos sistemas informáticos, así como o seu alcance, son potestade da compañía, mais tamén que esta non pode pasarlle por riba á dignidade e ao dereito á intimidade dos seus empregados á primeira de cambio.

Pero o normal é que a empresa conte cun modelo de emprego destas tecnoloxías, estabelecido antes de que lles xurda calquera problema. Tamén deberan ter cun protocolo de actuación cando existen sospeitas do mal emprego dos computadores.

De todo isto deben estar informados os empregados (dos usos permitidos e dos sistemas de control), e ademais deben facer pública a súa aceptación destas políticas, se así o consideran.

Teñen que avisar de que te están a controlar?

Segundo unha enquisa elaborada por Landwell-PwC, o 90% das compañías apostan por comunicar estas políticas de seguimento dos empregados, mais tamén por obter o consentimento dos mesmo, fronte ao outro 10% que pensa que chega con informar. O que se adoita procurar sempre é o "trato humano" e que haxa un bo clima laboral.

Aínda que cada empresa aplica este control como mellor lle parece, segundo datos deste estudo, o 70% das empresas aposta por un emprego sen restricións das ferramentas informáticas e ningunha quere prohibir totalmente o uso persoal da rede. Pola contra, o outro 25% non ten ningún tipo de protocolo de actuación en caso de se producir o que se coñece como unha "mala actuación".

Ás empresas non lles chega coa ausencia de control, porque daquela, de xurdir algún problema que as afecte, non van rexistrar o computador dos empregados, posto que nun tribunal o primeiro defendido sería o dereito á intimidade dese traballador ou traballadora.

Daquela, cando poden exercer, un "xusto" control?

Para que unha empresa realice unha intervención no computador de un traballador ou traballadora ten que existir primeiro unha sospeita razoábel ou unha necesidade real do emprego dos seus arquivos, xa que os límites da inspección están na dignidade dos empregados.

Mais hai algúns aspectos que xustifican o control, como a protección do sistema informático da compañía; a necesidade de garantir a continuidade do traballo no caso de que ese empregado non acudise a traballar; a prevención da responsabilidade fronte a outras persoas no caso de que haxa un mal uso do computador; a comprobación do uso laboral do sistema por parte do empregado; e a non retribución de actividades non relacionadas co traballo.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: