Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Actualidade

Manifestación integrista pola familia e contra o goberno - Comunicado das comunidades cristiás populares do estado español

Os bispos españois, organizacións integristas católicas e destacados dirixentes e partidarios do Partido Popular protagonizaron unha manifestación multitudinaria a favor da familia e contra o goberno de José Luís R. Zapatero.
Nós, crentes e practicantes católicos, pensamos que debemos expresar publicamente a nosa discrepancia e a nosa crítica e facer constar que non é ese o pensamento da maioría dos católicos e católicas do Estado, nin sequera entre os que votan ao Partido Popular.

Comunidades Cristiás Populares - 19:07 18/01/2008

CCP32.jpg

A concepción da familia do integrismo católico expresada na manifestación é a seguinte:

- A familia é a célula fundamental da sociedade e está baseada na institución do matrimonio.

- A finalidade primaria do matrimonio é a procreación dos fillos.

- A relación sexual dentro do matrimonio debe estar sempre aberta á procreación. Calquera relación entre os casados que impida a procreación por medios naturais ou artificiais vai contra o dereito natural

- O matrimonio é indisoluble. Cando a convivencia se fai imposible contémplase a separación sen rotura posible do vínculo. Todo o máis que pode chegarse é á declaración de nulidade do contrato matrimonial por parte dun tribunal eclesiástico.

- O matrimonio civil é nulo de pleno dereito para os bautizados. Por iso unha persoa casada e divorciada polo civil pode contraer matrimonio válido pola Igrexa sen dispensas nin intervención de tribunais eclesiásticos. (Caso que vimos repetidas veces en persoas importantes)

- O óvulo fecundado ten dereito á vida. Calquera interrupción do embarazo é un asasinato. En caso de fetos inviables e que producen a morte da nai necesariamente, como os fetos ectópicos, non é lícita a extirpación directa do óvulo, aínda que supoña a morte dos dous.

- Calquera relación sexual entre persoas do mesmo sexo ou calquera excitación en solitario é algo que vai contra a natureza (contra natura) - A educación dos fillos depende da familia. O Estado actúa ilexitimamente cando impón unha materia laica de educación para a cidadanía. Os pais católicos deben presentar obxección de conciencia a devandita materia.

- O Estado actúa ilexitimamente cando dá leis que legalicen o divorcio, o aborto, a educación non confesional para a cidadanía, a venda libre de anticonceptivos (aínda que sexa para evitar o contaxio da sida) e o matrimonio de persoas do mesmo sexo. Esta concepción da familia e da relación entre as persoas podería admitirse para os membros dunha organización libremente elixida. Pero resulta intolerable e en gran medida grotesco o querer impor a todos a cidadanía semellante concepción da familia e das relacións entre as persoas.

Desde o punto de vista político o máis grave é que afirmen que a lei do divorcio, a lexitimación da interrupción do embarazo en casos moi concretos e graves, a educación para a cidadanía ou o matrimonio de homosexuais, fan perigar a democracia e van contra os dereitos humanos porque van contra o dereito natural do que eles son os únicos intérpretes lexítimos.

Tivemos un Estado, que por lei se inspiraba na doutrina da Igrexa no que o único matrimonio lexítimo para bautizados era o eclesiástico, os matrimonios civís para eles eran nulos, non había divorcio, os anticonceptivos estaban prohibidos, as violadas que abortaban e os homosexuais ían ao cárcere, o abandono da familia por parte das maltratadas e o adulterio (da muller) eran delito. Todo conforme á doutrina da igrexa.

Non nos enganemos: queren levarnos a unha lexislación que condene o divorcio, calquera tipo de interrupción do embarazo, a homosexualidade, os anticonceptivos, as relacións sexuais fóra do matrimonio, a educación laica para a cidadanía.

Exhortamos aos católicos e católicas, incluídos os sacerdotes, maioritariamente tolerantes, libres e nada integristas, sobre todo ás persoas maiores que sufriron a imposición das normas morais e xurídicas dos bispos nun estado confesional, a que reflexionen e fagan o posible, voten a quen voten e goberne quen goberne, para que o integrismo católico non recupere o poder político e xudicial no ordenamento da familia e das relacións sexuais.

Xaneiro de 2008


5/5 (7 votos)