Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
XXXI Romaxe de Crentes Galegos

Primeiro contacto: Reunión en Muimenta

Sábado 12 de xaneiro. Cada un afeito ao seu. Para os nativos, como Rubén Rivas e compañía, non era un día dos máis fríos. Mentres, os máis costeiros, tremelicaban e non de medo. Máis ou menos frío, neste ambiente meteorolóxico celebrouse a primeira reunión preparatoria da Romaxe de Baltar. Foi en Muimenta, na Terra Chá de Manuel María. Estaban un ano máis os Rubén´s, Xavisblanco, Manolo Regal, Xan, Mar, Sole, Foto-Lois... e os colectivos do lugar representados por uns cantos mozos, todo sexa dito e alentado.

Josecho de la Torre - 19:34 18/01/2008
Carballo de Luxís

Carballo de Luxís

Os amigos Carlos, Manolo Vila, Nacho e Marcos reciben con predisposición e agarimo a responsabilidade de fornecernos a todos de música e produtos da zona na acollida. Estes mozos, membros da Asociación Cultural de Chaínza, non escatimarán esforzos á hora de deixar a infraestrutura lista para o día.

O emerxente debuxo de ideas desempacadas na xuntanza deron a pista do que finalmente será o medallón co seu lema. Nesa arte lingüística, de son lírico, acada un importante status o lema “Rexos como carballos” do que daremos conta. Para a temática, tense en conta que moi preto atópase a Bretoña de Maeloc, o carballo de Luxís; aquí naceron experiencias significativas no eido das cooperativas.

Significa que, elementos como as vacas, o leite, o traballo da xente e o carballo, estarán dalgún xeito, representados na vindeira Romaxe. En palabras de Pepe Chao: “volverase ás raíces, ás orixes; potenciaremos o simbolismo da Galicia de Maeloc”. Este será o pasto co que Manolo Regal, coa axuda de Xan e Xabi, alimentarán á liturxia. E que haberá despois do xantar? Festa e máis festa da man da Quenlla para rematar na Oración da tardiña que se debate entre o carballo de Luxis, en Meira e o Pedregal de Irimia.

Proseguiu a xuntanza no lugar onde o vindeiro 13 de setembro. Darase cabida a miles de persoas para celebrar a Romaxe. Lugar insólito que semella esperar a visita dun; teno todo: a carballeira, o Miño, verdor, frescor, aire puro... así é a Romaxe de Crentes Galegos, cada ano lévanos por un recuncho máxico deste país.

E neste clima de abraio, caligrama de natureza, divisamos o devandito carballo dende o lonxe coma tesouro afouto en terra fecunda e chairega. Algo ten o lograr que xentes de tan diversos eidos e lugares reparasen nel. Algo que une a vida da xente coa vida da terra. Unha obra de perfecta execución, de colosais dimensións e múltiples ramificacións que vimos in situ. Para facer boca, a modo de resumo, velaí van as primeiras estrofas do poema de Xosé Crecente Vega e do poema-oración de Manolo Regal ante o carballo de Luxís. Ata a seguinte reunión o 23 de febreiro novamente en Muimenta.


Carballo de Luxís,

Carballo de Luxís,

Símbolo de Galicia,

Liaxe do País.

Manolo Regal.



É un carballo avó de centos de anos

Abrigo e honor da casa de Luxís.

É un dos millor feitos e máis sanos

E máis grandes que medran no país.

José Crecente Vega.


4,89/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carballo de Luxís
Carballo de Luxís
Lugar da vindeira Romaxe
Lugar da vindeira Romaxe
Xuntanza organizativa
Xuntanza organizativa