Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'Galegos en Bizkaia – Galiziarrak Bizkaian'

“Sempre estarei do lado de quen sofre”

Foron algunhas das palabras do poeta vasco Gabriel Aresti, recordadas durante a presentación do volume que xunta textos seus e de Manuel María.

Redacción - 09:45 19/01/2008
O poeta euscaldún Gabriel Aresti

O poeta euscaldún Gabriel Aresti

“A arroutada dun cativo era o de menos, o importante era seguir manténdoa viva con corenta anos”. Así falaba Raúl Río, galego emigrado en Euskadi desde hai anos, ao recordar como Gabriel Aresti explicaba o momento en que aos catorce anos comezou a falar e escribir en éuscaro, despois de medrar baixo a presión do castelán. Lembrou Raúl Río o fondo vencello de Aresti con Galiza e coa comunidade de galegos naquel país, e laiouse do que “ao poeta lle doía” o descoñecemento entre ambos os dous pobos e o “enfrontamento” social “promovido polo franquismo”. O libro presentado esta semana en Compostela, nace dun desexo inacabado de Aresti, que no seu momento quixera artellar unha obra coa que xuntar esforzos e sumar voces de intelectuais galegos e vascos para “liderar a irmandade dos pobos”.

En lembranza desa arela, as fundacións FESGA (Fundación para ou estudo e a divulgación dá cuestión social e sindical en Galiza) e IPAR HEGOA, vencellada ao sindicato LAB, realizaron unha escolma de cartas entre os dous grandes amigos e poetas, Gabriel Aresti e Manuel María, que recolle tamén poemas inéditos dirixidos aos traballadores galegos e vascos. “Aresti era un gran namorado da cultura galega”, indicou Xurxo Martínez Crespo, presidente da Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados, debullando a lista de traducións a éuscaro e español que aquel foi quen de impulsar, desde Curros Enríquez, até Castelao e destacando a proximidade co Centro Galego de Barakaldo. Interviu tamén na presentación do libro o secretario xeral de LAB, Rafa Díez Usabiaga, quen destacou a implicación de Manuel María e Gabriel Aresti na defensa de reflexións e valores en favor da loita polos dereitos sociais dos traballadores.

Participou tamén no acto o escritor vasco Edorta Jiménez, quen chamou a afondar na relación cultural entre Galiza e Euskadi e a facelo “sen pasar por Madrid”, estimulando as traducións directas entre o galego e o éuscaro. Sinalou Edorta Jiménez a importancia de Manuel María e Gabriel Aresti, xunto con Salvador Espriu, na semente literaria do Galeusca. E recordou ademais o papel de Aresti á hora de tender pontes entre a emigración galega e o pobo vasco. “Dunha banda estaban os vascos que crían que os recén chegados eran morralla española que desnacionalizaba o país, doutro os que crían que a xente que os acollía eran explotadores, que vivían ben”, relatou Jiménez, “non se daban conta de que no fondo eran todos eles vencidos, xentes derrotadas”.


3,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: