Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras a fuxida do seu xefe, a pasada segunda feira

Os traballadores de Marbar seguen fechados nas instalacións da empresa

Ademais dos 56 empregados, están afectadas outras 500 persoas, entre provedores e donos das súas promocións, pola desaparición do dono da construtora.

Redacción - 09:00 24/01/2008
Xuntanza no exterior da nave / Imaxe: CIG

Xuntanza no exterior da nave / Imaxe: CIG

Son un total de 56 empregados que acaban de quedar no paro, após a desaparición do dono do grupo de empresas relacionadas con Construcións Marbar SL, que se dedicaba á extracción de pedra nunha canteira próxima ás súas instalacións, na parroquia de Tebra, en Tomiño.

Até o momento do peche, Marbar SL era unha das compañías máis importantes do seu sector no Baixo Miño, e compúñase das filiais Edificacións Marbar, Granitos Tebra, Granite 99 e Promocións Marbar 04.

O dono foxe, levando consigo importante maquinaria

A cousa comezou cando a pasada segunda feira os traballadores acudían, moi cedo de mañá, á nave da empresa, e o dono do grupo empresarial, Manuel Martínez Barros, non aparecía. Con el tamén desaparecera unha boa parte maquinaria pesada da compañía, (especúlase con que se puidese trasladar a Portugal onde foi vendida, mentres que Martínez Barros podería estar no Brasil, aínda que tamén se di que podería ter a maquinaria gardada, agardando para vendela).

Un bocado máis tarde, na mañá da segunda, chegaba o fillo do dono, quen chamou ao encargado e xuntou aos empregados para dicirlles "marchade para a casa, porque a empresa vai pechar".

Daquela, os traballadores contactaron coa CIG e comezaron un peche que aínda continúa, co que pretenden evitar a descapitalización de empresa e que desapareza máis maquinaria.

Na cuarta feira chegáballes a cada un unha carta de despedimento na que se alegaban "razóns económicas". Segundo o secretario da Unión Local de A Guarda da CIG, Serafín Fernández, moitos dos traballadores tiñan varios contratos de obra dende o ano 1988, polo que van presentar demanda por ter contratos en fraude de lei (un 90% deles), así como outras demandas por cuestión das cantidades do finiquito e indemnizacións. Segundo Fernández, "aínda está pendente quen vai pagar esas cifras, xa que non temos interlocutor".

Con todo, "os traballadores non son os peor parados"
Vieiros falou con Xoán Xosé Melón, secretario nacional de Construción e Madeira da CIG, quen contou a última hora do peche. Á espera de que os traballadores afectados se xunten en asemblea no local da Guarda da CIG, para informar das posíbeis novidades e movementos que haxa do caso, e para asesorarse e poder comezar canto antes o proceso de reclamacións á empresa, a CIG está recabando, "canta máis información mellor", dixo Melón, "cousa que leva un tempo, porque queremos saber dos bens patrimonias que tiña o construtor".

Aínda así, Melón considera que a CIG foi en todo o proceso "moi áxil", posto que, segundo contou "a cuarta feira xa tiña todo o mundo a documentación en regra para ir ao paro, e estaban feitas as xestións para comezar a cobrar, o mes que vén, as prestacións por desemprego... con todo este caso non vai ter consecuencias moi graves para os traballadores; a día de hoxe son os mellor colocados", salientou Melón, lembrando que o empresario Martínez Barros tamén lle debe cartos a moitos dos seus provedores e aos bancos.

Cando se lle preguntou polo peche, Xoán Xosé Melón dixo que, de momento, vano seguir mantendo, posto que están pendentes de poder entrar nas instalacións da empresa para saber canta e que maquinaria queda alí: "estamos pendentes do notario, pero antes precisamos unha autorización xudicial para poder entrar nas propiedades e levantar acta do material e maquinaria que alí hai", dixo, e terminou, "o que nos interesa é o patrimonio del - de Martínez Barros- e ten dabondo, porque non se pode negar que del son as instalacións e a canteira de Tomiño, ademais dunha importante maquinaria. Agora queremos saber o que está embargado e o que non".

Alén dos traballadores, máis de 500 persoas afectadas
"Os que peor están, a día de hoxe, son os autónomos que traballaban para o empresario, sobre todo os que comezaban, que van quedar cunhas pesadas cargas. Noutro nivel están os compradores, que van comezar un proceso moi longo", contoulle Melón a Vieiros.

O certo é que os 56 traballadores non son os únicos afectados pola fuxida do dono de Marbar. A empresa tiña en construción, mais case terminados, 9 edificios na Cañiza, (que suman máis de 300 vivendas), así como chalés en Tomiño, entre outros. Os compradores destas vivendas, que xa adiantaron unha parte do prezo das mesmas, vense agora afectados, posto que moitas delas van ser embargadas polos bancos.

Ademais, o empresario tiña unha longa listaxe de acredores (entre electricistas, escaiolistas, pintores...) que tamén ficaron sen cobrar. Entre todas as débedas suman cifras millonarias.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe dos cartaces que penduran da fachada da nave industrial da empresa
Imaxe dos cartaces que penduran da fachada da nave industrial da empresa
Unha imaxe do interior da nave de Marbar, en Tomiño
Unha imaxe do interior da nave de Marbar, en Tomiño
Recibindo as cartas de despedimento / Imaxes: CIG
Recibindo as cartas de despedimento / Imaxes: CIG