Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA NO MNAC

Exotismo e realismo na Iberia decimonónica

Fotos de 1862 e 1863, os comezos da fotografía profesional. Son tamén os inicios da competencia entre pintura e fotografía?

Lito Caramés - 22:00 23/01/2008

Nos comezos da fotografía

As salas do Museu Nacional d'Art de Catalunya (MNAC), sito no Palau Nacional de Montjuïc, presenta a mostra Napper i Frith. Un viatge fotográfic per la Ibèria del segle XIX. Unha escolma de 124 fotografías feitas case todas polo fotógrafo galés Robert P. Napper entre 1861 e 1864, organizada polo mesmo MNAC en colaboración co Fondo fotográfico Universidad de Navarra, da Fundación Universitaria de Navarra, e comisariada por Lee Fontanella, reitor da Universidade Internacional St. John.

Esta mostra é unha máis das moitas que se puideron ver na cidade de Barcelona nos últimos anos, xa en entidades públicas como privadas. Todas estas manifestacións (e as que virán) son proba do interese que esperta en estudosos e mais na cidadanía as imaxes nacidas do traballo de persoas que saben mesturar técnica con industria e mais con estética.

A fotografía nace mediando o século XIX da mestura de varios inventos previos e toma a súa forma característica a partires da combinación do colodión (imaxe transparente) e máis do papel á albumina. Do éxito desta nova técnica dá idea o feito de que desde 1850 se instalasen en cidades como Lille (Francia), Florencia, Londres, París, Madrid, etc. estudos fotográficos de sona. Desde ese momento hai unha clara competencia entre pintura e fotografía, creándose unha relación difícil entre as dúas manifestacións artísticas. Relación ambigua e complexa que igual fai que a fotografía desprace á pintura dalgúns dos seus niños de creación habituais (paisaxes rurais, vistas urbanas) e, a un tempo, a libere das cadeas da reprodución fidedigna da realidade. Tamén é certo que ás veces esa competencia ía acompañada de respecto e mutua admiración. Non se pode esquecer que a primeira exposición que fan os revolucionarios impresionistas en París (1874) tivo como escenario o famoso estudo fotográfico de Nadar. Relacións difíciles si, e complementarias. Parece ser que unha das razóns que permitiron a aparición das vangardas artísticas do s. XX foi precisamente a cada día máis forte importancia da fotografía. As "creacións" do corpo humano que estes meses exhibe a Fundació Miró así parecen demostralo.

España dentro do Gran Tour.

Robert P. Napper viaxa por España e Portugal durante dous anos e medio (1861-1864), por encargo da sociedade Francis Frith & Co., creada polo fotógrafo Francis Frith en 1860, na cidade de Reigate (sur da Gran Bretaña), ao volver das súas viaxes por Exipto e Palestina, viaxes que lle servirán para publicar o álbum de fotos Egypt and Palestine Photographed and Described by Francis Frith, libro que tivo moito éxito. A súa empresa tamén se verá recompensada co premio do público: entre 1860 e 1886 publicará 25 libros de fotos.

O interese por España arrinca da predilección que tiñan os románticos polos países exóticos. Primeiros foi Oriente, e logo todas as ribeiras do Mediterráneo. De aí nace o chamado Gran Tour: a viaxe que escritores, artistas e membros da boa sociedade efectuaban durante meses para visitar restos arqueolóxicos e culturais. Ao tempo, unha lexión de fotógrafos (moitas veces traballando por encargo para empresas doutros) fai os mesmos percorridos captando instantáneas de monumentos en Italia, Grecia ou Exipto, para despois recollelas en álbums que eran comprados polos admiradores de xeografías exóticas. Nin máis nin menos que as paleo-postais. Un exemplo: por aqueles anos, en Roma -a cidade que máis visitantes atraía-, traballaban 750 fotógrafos tomando vistas das ruínas romanas.

Napper viaxou sobre todo por Andalucía, a área que atesoura ese pasado exótico e islámico. De feito Napper publicou un álbum baixo o nome de Views in Andalusia. O título dío todo. Ese era o encargo da compañía de F. Frith, captar instantáneas de monumentos e vistas de cidades. Estas vistas que agora promove a fotografía xa foran fomentadas con anterioridade por pintores de cidades europeas. Véxase, senón, o caso das vedute de Venecia. E tamén fixo outro tipo de fotos: retratos a persoas.

As fotos que se poden ver nas salas do MNAC, por tanto, responden aos dous tipos citados anteriormente: as paisaxes e vistas urbanas e mais os retratos do que podemos denominar "tipos populares". As vistas urbanas responden ao propio encargo que F. Frith lle fixera, fotografar imaxes daquelas cidades das que se poden vender instantáneas que alimenten a aureola romántica (Sevila, Granada...).

Pero, onde Napper é autónomo e autodidacta é nos outros casos, nos retratos realistas, cargados de forza e de autenticidade. Criados, pastores, familias xitanas. Non se sabe por que as relacións laborais entre Frith e Napper se romperon definitivamente aló polo ano 1863. Tivo algunha relación o interese de Napper en retratar tipos humanos, e non só vistas? Os retratos de personaxes populares están feitos con total realismo -nada hai neles que busque a idealización-, o que aproxima a Napper ao fotodocumentalismo e ao fotoxornalismo. As vestimentas masculinas e femininas, os rostros morenos, as facianas graves e cansas; unha chea de detalles para ilustrar a vida de traballadoras e traballadores rurais. Lembrar, para seguir coa comparanza pintura-fotografía, que nos mesmos anos pintaban Courbet e mais Millet, co estilo que hoxe coñecemos como realismo.

Na mostra Napper i Frith. Un viatge fotográfic per la Ibèria del segle XIX, tamén hai vistas de Exipto (obra de F. Frith) e outras de Portugal, Cataluña e Xibraltar, algúns dos lugares polos que se moveu Napper naqueles anos.

A exposición é unha moi boa ocasión para botar unha ollada a prazas, construcións e paisanaxe de hai cento cincuenta anos, a través dalgunhas das primeiras fotos que de tales motivos se fixeron.


EXPOSICIÓN: Napper i Frith. Un viatge fotográfic per la Ibèria del segle XIX

MNAC, Palau Nacional (Montjuïc)

Horario: de martes a sábados, de 10 a 19 h, domingos, de 10 a 14,30 h.

Até o día 10 de febreiro de 2008.


3,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



R. Napper: Habitante de Andalucía con vestido «majo», Sevilla, 1860-1863
R. Napper: Habitante de Andalucía con vestido «majo», Sevilla, 1860-1863
R. Napper: Criados dunha granxa andaluza, Sevilla, 1860-1863
R. Napper: Criados dunha granxa andaluza, Sevilla, 1860-1863
R. Napper: La Alhambra, "patio de los Arrayanes", Granada, c. 1863
R. Napper: La Alhambra, "patio de los Arrayanes", Granada, c. 1863
R. Napper: Lleida, vista desde o río Segre, c. 1863
R. Napper: Lleida, vista desde o río Segre, c. 1863