Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Un 18% máis de facturación en 2007

O porto de Ferrol bate marcas mentres seguen pendentes os accesos a Caneliñas

O presidente da entidade portuaria recoñece que non se cumprirá co último prazo prometido.

Redacción / EP - 09:00 24/01/2008

Foron 11.058.382 toneladas de mercadorías as que se moveron no porto de Ferrol en 2007, por riba das previsións de crecemento que a propia entidade manexaba sobre a xa considerada cifra histórica de 10.227.845 toneladas en 2006. Subliñábao o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Amable Dopico, durante a presentación este mércores do balance económico do último ano. Isto tradúcese nuns beneficios de 2,5 millóns de euros, cun incremento do 8,12% en doce meses en mercadorías en unha facturación de 14,2 millóns de euros, un 18% máis ca en 2006.

O porto ferrolán xa manexa agora números ambiciosos, marcándose a barreira de 15 millóns de toneladas de mercadorías en tres anos. Paradoxalmente, as previsións de crecemento pasan pola posta en marcha do porto exterior, concluído na súa primeira fase hai un ano e cos accesos pendentes desde aquela.

"Imos dando probas de que a situación económica do Porto é sólida e sostén o esforzo investidor que se está a facer nos últimos anos", destacou Dopico, quen avanzou que estas cifras, que responden ao plan de empresa previsto, permitirán continuar con proxectos como o porto exterior e coa realización de obras como a rehabilitación da antiga comandancia para que acolla dependencias portuarias.

Sen data para os accesos
Dopico admitiu que a estrada de acceso ao porto exterior non estará concluída na data prevista de forma inicial polo goberno español, o 30 de marzo deste ano. Con todo, argumentou que ese atraso se debe aos problemas que xurdiron nos últimos tramos da infraestrutura. "Non vai estar lista o 30 de marzo, non imos enganar a ninguén", sinalou.

Segundo destacou Amable Dopico, xurdiu un "problema grave" no cruzamento entre a vía ao porto que constrúe FCC e a estrada cara ao lugar de Covas, onde se produciron desprendementos na parte inferior ao viaduto que xa está construído. "Aí hai un reforma importante que vai obrigar a mover centos de miles de metros cúbicos", sinalou o presidente do porto, que avanzou que se deberá adoptar algunha solución final, que mesmo podería pasar pola construción dun falso túnel.

De momento, indicou que o Porto descoñece cáles poderían ser os novos prazos. Endesa podería ser unha das principais prexudicadas do atraso, xa que prevé descargar en Caneliñas o carbón importado que utilizará a central térmica unha vez que finalice o seu proceso de transformación cara á primavera. No lado oposto está a planta de biodiésel de Entabán, que podería comezar a operar con independencia desta vía.

Amable Dopico tamén se referiu ao acceso ferroviario. Destacou que o goberno español investirá este ano no proxecto, pero que o importante será que isto non se pare" para que continúe a tramitación. Neste aspecto, asegurou que o Porto colaborará naqueles trámites que solicite a dirección de ferrocarrís.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: