Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUMENTA A TENSIÓN EN PALESTINA

Cara á terceira Intifada

Nunha nova crónica, Moncho Iglesias nárranos dende terras palestinas o drama diario. Esta vez da un tanto esquencida Cisxordania.

Moncho Iglesias - 11:50 29/01/2008

Mentres Gaza segue a sufrir o bloqueo e a fuxida da metade da súa poboación na procura de alimentos e outras necesidades básicas, a outra parte de Palestina, Cisxordania, sofre a falta de protagonismo que os medios de comunicación outorgan a peregrinacións, sufrimentos e o que parece estoupido dunha terceira Intifada. As rúas de Belén permanecen zarrapicadas de pedras e lápidas, seguindo o percorrido dos tanques e outros vehículos armados que entraron na cidade durante o día.

O luns polo serán varias partes de Belén volveron converterse en ríos de pedras, arroios de cristais e entullos bañados de auga, medo, frío e ira. Unha nova incursión do exército israelí na cidade acabou coa vida de Qusai Al-Afandi, un rapaz de 17 anos que, coma moitos outros, se dedicou a lanzar pedras contra os jeeps, bulldózeres e vehículos armados que entraron na cidade antes do anoitecer.
O bloqueo de varias rúas do centro da cidade provocou unha rápida convocatoria de xente nova que se achegou ata as posicións do exército israelí recollendo pedras polo camiño. Segundo as palabras dun dos voceiros dos militares, responderon contra os amotinados disparando ás partes máis baixas dos seus corpos. Con todo, unha das balas alcanzou o estómago de Qusai Al-Afandi e morreu antes de chegar ao hospital. Así mesmo, sete persoas permanecen hospitalizadas e outras tinta buscan novo fogar onde gorecerse.

O motivo principal da incursión era a detención de Mohammad Abda, un activista da Xihad Islámica. Foi por esta razón que se acordoou toda a zona adxacente á casa onde vivía. E ante a falta do presunto terrorista, os soldados decidiron destruír a casa de tres pisos onde vivían trinta persoas. Evacuouse á forza a todos os seus veciños, que puideron comprobar, dende a casa estremeira, como caían os muros de todo o edificio e como as fiestras da nova casa de acollida estoupaban.

O edificio quedou reducido a lascas sobre o chan e pequenos muros de pedra. Entre o pó albiscábase o esqueleto dun televisor e partes dos dous coches que tamén foron destruídos. E mentres varios veciños axudaban a limpar as rúas para permitir o acceso de coches, as canalizacións da casa creaban un pequeno regato que se sumaba á auga derramada por outra familia sen fogar.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: