Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Máis de 6 horas de programación infantil

A nova canle da Galega será "territorio Xabarín"

O porco bravo permanece na primeira cadea polas mañás. Na G2, tal é como foi provisionalmente bautizada, gañan protagonismo os espazos para os cativos.

R.N. - 15:35 29/01/2008

O equipo do Xabarín traballa xa na procura de novos formatos e no reforzo do Xabarín, unha marca que se converteu en "referencia" e pola que a Galega promete non deixar de apostar. O avance chega ao fío da queixa que este mesmo luns fixera pública o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego e a Mocidade pola Normalización Lingüística, laiándose de que a TVG renunciase a unha "ferramenta activa" en favor do galego e da calidade que consideran que acadara o Xabarín.

A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego, colectivos integrados na Mesa pola Normalización Lingüística, cualificaran a situación de "grave retroceso". Destacaban ambas as dúas agrupacións que o Xabarín conseguiu ser unha "ferramenta privilexiada" para a promoción da lingua entre os máis novos e que contribuíu a ofrecer unha imaxe "prestixiada" e "dignificada" do galego. "A lingua precisa deste tipo de iniciativas", sosteñen, salientando que o programa chegara a ser todo un "referente cultural" no país.

"Xa estivo practicamente desaparecido da grella da TVG noutras ocasións por decisións de orixe política", lembraron ao respecto das queixas polas restricións ao espazo durante o goberno do PPdeG. Ao fío, vían paradoxal que logo da "importante renovación" en formatos e contidos que se afrontara recentemente, o Xabarín saia outra vez das pantallas.

Máis horas e novos formatos
Ao respecto, o director da Televisión de Galicia, Suso Iglesias, explicou para Vieiros que a canle pública non renunciará a un formato que demostrou o seu éxito e que sufriu da desatención en anteriores etapas. Deste xeito, a Galega decidiu aproveitar o próximo nacemento da segunda canlecanle G2 para espremer en maior medida as posibilidades de ofrecer programación infantil e xuvenil na nosa lingua. "O que pasa é que os hábitos cambiaron", analiza Suso Iglesias, indicando que os comportamentos da audiencia amosarían que o mantemento dunha pequena franxa para a programación infantil dentro das canles xeralistas, debilitouse coa aparición das canles temáticas.

Co 23 aniversario da emisora pública, o vindeiro 25 de xullo, a creación da G2 vaille dar campo libre ao Xabarín e a outros formatos televisivos para rapaces e rapazas de diversas idades. O ámbito da animación ocupará así non menos de seis horas diarias e alén deste tipo de programas, haberá outros de carácter máis estritamente didáctico pero cos cativos tamén entre o seu público potencial. Mentres, o Xabarín seguirá protagonizando as pantallas da televisión pública de luns a venres entre 7h30 e 8h30 da mañá, e os sábados entre 9h e 12h45, as franxas horarias onde até o de agora demostrou un amplo seguimento da audiencia infantil, especialmente no caso do sábado.


4.31/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: