Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Mitos e fauna

A voltas co lobo: coidado que ven Benito García!

Nun artigo publicado o sábado 12 de xaneiro de 2008 na sección “Galicia Ambiental” de “El Correo Gallego” o Sr. Benito García opina con lixeireza sobre o Plano de Xestión do Lobo, relacionando a falta de Plan co veleño no monte, e vertendo, iso sí, veleño contra os ecoloxistas, verdadeiro obxectivo do artigo. O autor responsabilízanos de non querer solucionar a "problemática" que orixina a pervivencia do lobo e cúlpanos de que o Plano de Xestión non estea aínda en vigor.

ADEGA - 10:40 30/01/2008
Tags: caza Lobo

No artigo publicado o sábado 12 de xaneiro de 2008 na sección "Galicia Ambiental" de "El Correo Gallego" o Sr. Benito García opina con lixeireza sobre o Plano de Xestión do Lobo, relacionando a falta de Plano co veleño no monte e vertendo alegremente veleño contra os ecoloxistas, verdadeiro obxectivo do artigo, o que resulta evidente se se lé con certa atención.Afirma o Sr. Benito que se se aplicara o Plano de Xestión do Lobo acabaría a problemática que orixina a pervivencia do lobo e culpa aos ecoloxistas de que non estea todavía en vigor. Inventa que fomos os ecoloxistas os que situamos o problema en "caza sí ou caza non" e da unhas simples e breves receitas para solucionar o "problema", receitas que todos os que están no tema coñecen e suscriben (non aporta nada novo) e simplifícaas recollendo as que son máis populistas.Está claro que o Sr. Benito fala de oídas, sen coñecer as alegacións que presentaron as organizacións ecoloxistas (a práctica totalidade), pero atrévese a cualificar aos que as presentamos de "demagogos" e "conservacionistas de salón" e a dicir que "opinamos polo libro". Dado que foi a inmensa maioría do movemento ecoloxista a que se pronunciou sobre o plano, deberá ter claro que está descalificando a todo o movemento ecoloxista e haberá que deducir que os únicos ecoloxistas "bos" son el e os seus amigos.Debería saber este experto (en calumnias) que non foron as organizacións ecoloxistas, senón outros colectivos, os responsabeis de que aquí se exterminara a pita do monte, o oso, o cervo, o rebeco, a cabra brava, etc, etc. Pero aos ecoloxistas xa non nos doen as súas agresións: estamos afeitos, témolo calado. Lévannos insultando e desprestixiando desde que se creou o movemento.Fixérono cando alertabamos de que o quecemento global se debíase emisións producidas pola actividade humana. Chamáronnos alarmistas e trogloditas cando cuestionabamos a enerxía nuclear (e despois veu a catástrofe de Chernobil). E houbo ecoloxistas que pagaron caro o intento de tratar de impedir unha cacería do Sr. Fraga que seguía matando pitas do monte cando a especie xa estaba moi ameazada (hoxe temos que lamentar a súa extinción). Só por poñer algúns exemplos.Pero o Sr. Benito non só nos insulta; tamén, no seu curto artigo, cargado de fobia, cúlpanos aos ecoloxistas de que exista veleño no monte. Alegremente nos fai responsábeis de que o veleño se estea utilizando como consecuencia de que o Plano de Xestión non entrara en vigor. Este señor tan listo debería, antes de sacar conclusións tan graves, informarse sobre os episodios de enveleñamento: os lugares en que se dan e se son zonas lobeiras ou non, se se erradicaron nas áreas onde contan con Plans de Xestión, en que épocas do ano se intensifican e se estas coinciden ou non co inicio da tempada de caza, etc. Se en vez de facer afirmacións gratuitas aportara datos contrastados, poderiamos tomalo en serio; como non o fai, haberá que incluílo dentro dos "falabarato" e calificalo de antiecoloxista confeso. E engadir que se tivera un pouco de decoro enfocaría os seu tiros cara os desalmados que enveleñan o monte e non contra as organizacións ecoloxistas que, enganados ou non, sen ningún interés de medre ou de satisfación de instintos persoais, entregan o seu tempo e recursos na defensa do noso medio natural para o ben colectivo.No que se refire aos temas de conservación, particularmente do lobo, o Sr. Benito García debería saber que hai comunidades que teñen Planos de Xestión e que non solucionaron o complexísimo problema socio-económico-político; no entanto, o movemento ecoloxista está por dispor dun Plano de Xestión rigoroso e serio, que conte co consenso de todos os sectores implicados: administración, comunidade científica, cazadores urbanos ou rurais, tamén conservacionistas de cidade ou de campo, e por suposto o medio rural, entendido este nun senso amplo.Mentres este consenso non estea acadado haberá que optimizar sen demora as medidas que xa están vixentes, que permitirían amortiguar con bastante solvencia os danos ocasionados polo lobo, e aportar con intelixencia e dende posicións conservacionistas medidas complementarias que vaian cos tempos.Polo que fai ao artigo de referenza, queremos que quede constancia da nosa protesta, pois non é admisible que nun espazo que leva por título "Galicia ambiental" permÍtase verter opinións infundadas contra o movemento ecoloxista e se fagan acusacións tan graves como gratuitas, nun marco xeral de total falta de rigor.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: