Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Balance anual da entidade

Os beneficios de Caixanova subiron un 37,4% en 2007

Cumpre co plan estratéxico fixado para o treito 2005-2008 "un ano antes do previsto", segundo explicou o director xeral da entidade financeira, Xosé Luis Pego.

EP - 15:00 04/02/2008

O Grupo Caixanova logrou un beneficio atribuído de 182 millóns de euros en 2007, unha cifra que supón un incremento do 37,4% respecto ao ano anterior, segundo informou este luns o director xeral da entidade financeira, Xosé Luis Pego.

Na presentación de resultados anuais, Pego destacou que o volume de negocio da caixa se situou o ano pasado en 46.767 millóns de euros, un 18,7% máis e confirmou que Caixanova "cumpriu" o seu plan estratéxico 2005-2008 "un ano antes do previsto", polo que se formulará un novo ata 2010, aínda que non quixo adiantar estimacións.

Así, explicou que en 2007 se contabilizaron 230 millóns de euros antes de impostos, un 14,5% máis, e o obxectivo eran 250, "que se superasen cos 29 millóns derivados a insolvencias con carácter voluntario", mentres que a previsión de volume de negocio era de 50.000 millóns, que considera "cumprido" ao 94% "e tendo en conta as circunstancia actuais".

Pola súa parte, a matriz do grupo, Caixanova, rexistrou un beneficio bruto en 2007 de 212, 3 millóns de euros, un 17% máis; e neto de 178 millóns, un 34,3% máis que o exercicio anterior.

Ademais, a marxe de intermediación do grupo -no que tamén se inclúe o Banco Galego- situouse en 420,8 millóns de euros, un 17 % máis, mentres que o ordinario foi de 714,9, cun crecemento do 19,3 %, e o de explotación incrementouse un 23,1%, ata alcanzar os 346,6 millóns de euros.

Repunta a morosidade
Xosé Luis Pego asumiu que volveu cara a arriba en 2007 a taxa de morosidade "en 0,26 puntos" con respecto ao peche de 2006, pero precisou que "non é unha alza xeneralizada, senón que se concentra nalgúns clientes" e atribuíuno a que "as circunstancias e ciclo económico veuse ralentizando no último semestre". Tamén adiantou que é previsible que se incremente máis este ano e os sucesivos pois "os niveis de amora eran historicamente baixos e moi afastados dos estándares medios europeos".

No entanto, o director xeral de Caixanova confirmou que a entidade "non pechará a billa a ningún proxecto de investimento que sexa viable e responda aos criterios de riscos analizados" pola caixa e recordou que dende 2006 a estratexia "acentúa a presenza de inversión en pymes".

Pego, que descartou polo momento a posibilidade de sacar o hólding a bolsa, asegurou que o impacto da crise das hipotecas lixo "é nulo" en Caixanova, porque "non ten subprime" e engadiu que a afectación pola desaceleración inmobiliaria "é reducido" polo momento, probablemente porque a entidade chegou máis tarde a comunidade españolas nas que se está a notar máis este proceso.

Crecemento nos EUA
Xosé Luis Pego anunciou "un plan para abrir catro oficinas en Estados Unidos, en Nova York, Chicago, Los Angeles e Houston," que se unirán á de Miami en contar coa cualificación branch, que estarán atendidas por un centenar de persoas, e avanzou que Caixanova estudará a posibilidade de abrir sucursais "en Panamá e en Polonia".

O director xeral indicou que o crecemento en Estados Unidos será "orgánico" e non mediante a compra doutras entidades e que Miami, onde traballan 55 persoas, "será a central e a porta de entrada e saída para o continente americano", pois facilitará "tódolos servizos loxísticos" tanto aos Estados Unidos coma aos países de Latinoamérica.

"Atendemos a particulares, fundamentalmente emigrantes, e a empresas, non estamos a facer banca minorista, pero si apostamos pola captación de depósitos e de financiamento", explicou. Insistiu en que a sucursal de Miami "achegará o know-how" ao resto de oficinas nunha estratexia "de achegamento a clientes reais e a outros potenciais".

Pego confía "na capacidade de recuperación da economía norteamericana" e asegura que "a ralentización é asimétrica" nun país moi grande, polo que nas zonas onde traballo Caixanova, como Nova York, Chicago e a Miami "non hai unha crise instalada". Tamén afirmou que a caixa galega "avalará" as concesións de infraestruturas ás que aspiran empresas españolas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: