Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CENTENARIO DO NACEMENTO DE LAXEIRO

De Lalín ao ceo

A cultura galega realizaralle unha homenaxe unánime o 23 de febreiro, no comezo dun ano dedicado ao pintor, co obxectivo de dalo a coñecer dentro e fóra do país.

Redacción - 14:45 06/02/2008

Laxeiro é un pintor de primeira división, mais por diversas circunstancias non é suficientemente coñecido e recoñecido, tanto en Galiza, como sobre todo no resto do Estado. Pular de Laxeiro, popularizar a súa obra e outorgarlle o estatus que merece é o obxectivo dos actos que o Concello de Lalín, onde naceu, está organizando para o 23 de febreiro, centenario do nacemento do pintor. A influencia que exerceu en Galiza ao longo do século XX é indubidábel, provocando unha ruptura e unha renovación dos cánones estéticos tradicionais da pintura galega. E é absoluta a súa influencia na comarca do Deza, onde nestes momentos residen máis de sesenta pintores e escultores de renome, como lembrou Xosé Crespo, alcalde de Lalín.

A homenaxe será o 23 de febreiro na capital do Deza. Ás once da mañá terá lugar unha primeira homenaxe no cemiterio, onde un só gaiteiro porá a música. Un e só un, pois o propio Laxeiro deixara moi claro que non quería unha banda e mesmo lle dixera ao propio Xosé Crespo que "se no meu funeral vexo a máis dun gaiteiro, levántome do féretro e douche unha patada".

Despois de pasar pola casa natal do pintor, na parroquia de Donrramiro, ás doce terá lugar no auditorio municipal o acto central do día, no que intervirá Ánxela Bugallo, Cesar Antonio Molina, Rafael Louzán (presidente da Deputación de Pontevedra), Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura), Antón Lamazares, Isaac Díaz Pardo e os propios Xosé Crespo e Ramón Reigosa, que este mércores presentaron os actos en roda de prensa. No auditorio está confirmada, ademais, a presenza de ao redor de 250 representantes da cultura e da intelectualidade galega.

O 23 de febreiro comezará en Lalín o ano de Laxeiro, un ano no que se organizarán exposicións sobre a súa obra (por exemplo a que abre en Lalín o 8 de febreiro) e no que ademais impartirase un curso de verán na Universidade Internacional Menéndez Pelayo, coa intervención de nove expertos.


4.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carlos Reigosa, Xosé Crespo e Nuria Rodríguez (concelleira de Cultura de Lalín), na presentación
Carlos Reigosa, Xosé Crespo e Nuria Rodríguez (concelleira de Cultura de Lalín), na presentación
Diante do cartaz do acto de homenaxe
Diante do cartaz do acto de homenaxe