Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reportaxe no diario francés 'Le Monde'

La Galice: "Entre a tentación nacionalista e a fidelidade a Madrid"

Coas xerais no horizonte, o rotativo parisiense bótalle unha ollada política ao noso país a partir de dúas 'premisas': a galeguidade de Rajoy e o auxe do BNG.

Redacción - 19:50 12/02/2008
O diario parisiense é dos máis difundidos en Francia

O diario parisiense é dos máis difundidos en Francia

O diario francés Le Monde publica este martes na súa edición de papel unha reportaxe sobre a situación política que se vive en Galiza, ao abeiro das eleccións xerais do 9 de marzo.

A xornalista Marion Van Renterghem, enviada especial en Compostela, fai fincapé en dúas cuestións básicas sobre as que elabora a súa análise.

En primeiro lugar salienta a negativa do líder do Partido Popular español e candidato dos conservadores á Presidencia, Mariano Rajoy, a falar galego, mesmo cando fai campaña electoral no noso país.

Porén, a reportaxe cualifícao de "galego de pura cepa": "Se as eleccións lexislativas do 9 de marzo levan ao seu partido ao poder, Mariano Rajoy sería o segundo galego que dirixe o país, despois do xeneral Franco".

Aínda que tamén fala del como representante da "esfera da dereita fortemente centralizadora, españolista, tal como o orientou o antigo xefe de goberno José María Aznar no curso do seu segundo mandato".

Conciencia nacional

A reporteira de Le Monde contrapón a actitude de Rajoy coa situación que se vive en Galiza, onde -malia que, tal e como recalca, "non hai movemento independentista, contrariamente a Cataluña e, sobre todo, a Euskadi"- un partido nacionalista "paradoxalmente de esquerda nunha terra de dereitas" ten responsabilidades de goberno e "engorda".

"A conciencia nacional, en Galiza, é máis cultural e máis sentimental ca ideolóxica. A relación con Madrid non é conflitiva coma en Cataluña e en Euskadi, e o partido nacionalista, de orixe rural e non burgués, é menos organizado e menos influínte", escribe Van Renterghem.

Tamén, afirma, "a lingua non é obxecto de fixación". Neste senso, recolle as declaracións do secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, onde afirma que "aquí, cada un fala a lingua que quere ", mais sinala que actitudes como as de Mariano Rajoy non son "un triunfo para o PP de Galiza".

Reforma do Estatuto
Outro dos exemplos que o diario Le Monde toma para ilustrar esa 'bipolaridade' galega é o fracasado intento, o ano pasado, de reformar o Estatuto de 1981 a causa 'dunha' palabra: "Ningún discute a ampliación de competencias que autorizou a Constitución de 1978 (...) Mais o bloqueo produciuse a causa dunha controvertida palabra: nación".

"O BNG quería, a exemplo de Cataluña, inscribilo no preámbulo para definir Galiza. O PSdeG-PSOE aceptábaa recordando a denominación oficial de nacionalidade histórica . Para o PPdeG, era un casus belli: a palabra 'nación' só se lle aplica a España".

Por último, o xornal francés -próximo á socialdemocracia- fai unha loubanza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, do que di deixa a un lado o debate sobre a "famosa cuestión nacional", e "pon a énfase nos proveitos económicos que Galiza tirou do goberno Zapatero", tal como conseguir "o 8 % do orzamento español" ou "o recente aumento das xubilacións máis baixas".


3,88/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: