Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

Galescolas, que medo!!!

Toda a desmesura da campaña contra as galescolas, que agora lidera o alcalde Orozco, de Lugo, serve de exemplo da altura do momento político.

Daniel López - 22:19 17/02/2008
Tags:

Partimos dun feito: se Galicia quere que o galego viva, isto é, que se reproduza con naturalidade nos seus falantes, a única posibilidade real é crear ámbitos (espazos, momentos, grupos) nos que os máis miúdos experimenten que “viven en galego”. Os pais e nais non galegofalantes –non necesariamente “anti-galegos”- non teñen unha experiencia que si temos os que optamos por construír un fogar galegopracticante: na primeira escolarización hai, normalmente, unha ruptura lingüística, non exenta de problemas, porque o prexuízo segue a facer das súas.


Tamén temos experiencias gratificantes: se somos natural e coherentemente galegofalantes nas nosas casas, observamos a facilidade coa que os nosos fillos e fillas se fan bilingües ou mesmo trilingües. Hai tempo que os expertos falan das vantaxes do bilingüismo precoz e da flexibilidade mental que isto aporta.


Tamén temos outra constatación: os meniños que falan galego con frescura –e xa que logo castelán, que entra só-, son quen de decidir onde, cando e con quen queren usar un ou outro idioma. Pero se non “pasan” por ambientes nos que o normal sexa o “galego”, nunca o chegarán a usar. Saberán, xa de mocetes, a súa gramática e aprobarán a selectividade. Utilizarano por obriga ou cortesía, por oficio ou ritual, pero non vivirán nel.


Por iso é tan de valorar o proxecto das galescolas. Necesitamos, por coherencia da política institucional (Estatuto, lei “consensuada” de normalización, retóricas varias) e polo progreso intelectual dos nenos e nenas, que haxa ámbitos de incorporación temperá e natural do galego, para que o teñan de seu.


Ademais, se a galescola é un elemento de dinamización e cohesión en parroquias esmorecentes, mellor que mellor. É un investimento no país, non un gasto.


É neste punto no que a teimosía “anti” dos alcaldes socialistas desenmascara a hipocrisía e os medos do seu partido. Esperaban controlar mellor o seu socio de goberno e ao final –coma sempre- rendibilizar en votos o traballo dos demais. Como non poden atacar desde as súas consellerías, déixanlles o traballo sucio aos alcaldes. Cousas veredes.


4,74/5 (27 votos)