Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ECOLOXÍA

Os ordenadores, cada vez máis verdes

Os fabricantes de material informático comezan a interesarse por ofrecer produtos menos contaminantes e que consomen menos enerxía.

Redacción - 10:00 26/02/2008

O respecto polo medio ambiente comeza a ser tema de interese tamén para os fabricantes de computadores, que aspiran a fabricar aparellos menos contaminantes e con materiais reciclábeis. En xeral, os ordenadores están fabricados con elementos moi contaminantes e tóxicos, como metais pesados ou fósforo, e consomen moita electricidade, da que a maior parte se estraga. Na recente mostra de electrónica de consumo de Las Vegas púidose comprobar a tendencia a revestir os produtos informáticos dunha certa cor verde.

Segundo informa a revista Consumer, calcúlase que cada ano se empregan 170.000 millóns de euros no mundo para darlles enerxía aos computadores, e que o 85% se malgasta. As propostas dos fabricantes inclúen transformadores de corrente máis eficientes, baterías máis reciclábeis e compoñentes menos tóxicos, ademais de novos cargadores que usan enerxía solar ou hidróxeno como combustíbel.

Dentro da campaña de "ecomárketing", a empresa estadounidense Dell anunciou que vai ser a primeira do seu sector en neutralizar as emisións de dióxido de carbono, mentres que a de Hong Kong Lenovo presentou o PC ultraeficiente Blue Sky, que funciona coa enerxía do sol. Ademais, os novos conectores USB 3.0 multiplicarán a velocidade de transmisión de datos reducindo o consumo eléctrico.

Tamén hai movementos dende o eido das ONG. Un exemplo é o de Climate Savers Computing, formada por consumidores, ecoloxistas e varias empresas do sector. Un dos seus obxectivos é promover as tecnoloxías máis respectuosas co medio ambiente, e conseguir que se reduza nun 50% o consumo enerxético dos consumidores de aquí ao ano 2010. Aforraríanse 3.760 millóns de euros e evitaríase a emisión de 54 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro, que equivale ao que producen once millóns de coches ou vinte centrais térmicas.

Segundo algúns expertos, o esforzo ecolóxico pode supoñer un custo adicional para os consumidores. Outros consideran que supoñerá un aforro na factura eléctrica que compensará o gasto, ademais das posíbeis axudas institucionais para a compra de modelos menos contaminantes.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: