Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
OPINIÓN DESDE THE GUARDIAN POR CALVIN TUCKER

Por que os bairros aínda aman a Chávez?

En Venezuela a palabra "barrio" denomina aos bairros marxinais das cidades foramados por "ranchos" (chabolas). Son o equivalente às villas miseria arxentinas, às callampas chilenas, aos pueblos jóvenes peruanos, ás favelas brasileiras. A antitese do "barrio" é a chamada polos venezuelanos "urbanización", na que reside unha clase media que representa a unha pequena porcentaxe da poboación se tomamos en conta a porcentaxe dos que viven nos bairros. Este artigo, publicado no xornal inglés The Guardian, fala da relación-aceptación dos habitantes (descualificados como "marginales" polos habitantes das "urbanizaciones") destes populosos bairros (o máis grande de Latinoamérica con máis dun millon de habitantes está en Caracas e chámase Petare) co presidente venezuelano Hugo Chávez.

Calvin Tucker - 14:34 25/02/2008

O traxecto do aeroporto Simón Bolívar ao centro de Caracas sorprende até ao máis forte dos viaxeiros. Non é que a pobreza na Venezuela rica en petróleo manteña niveis alarmantes de acordo aos niveis latinoamericanos. Vin casos peores en Perú; as nais con ollos apagados, para quen un libro non é máis que unha masa intelixíbel de papel e tinta, e nenos que "halan" (tiran) dos pantalóns, para obter a cambio unhas moedas, chorimiqueando: "Señor, por favor, estou famento". En Venezuela, o choque non ten nada que ver coa pobreza absoluta senón máis ben co xeito como se aprecian os contrastes sociais ao longo da xeografía, e en particular, na altitude.

Hugo Chávez, o presidente socialista do país, a miúdo é culpado pola polarización política da sociedade venezuelana. Pero o feito é que a base desta división - a polarización de riqueza e poder- que se viviu moito antes de Chávez, móstrase a través da paisaxe urbana.

Supoña que vostede vai pasaxeiro camiño a Caracas. Ao longo do camiño, indubidabelmente miraría pola xanela á súa dereita, por onde vería moitos edificios altos e ostentosos con xanelas limpas, algúns deles con xardíns ben coidados, que sobresaen de cada balcón coma se fose unha exposición de flores que se elevan no ceo. Estas son as casas da clase media. Despois, se vostede voltea e olla á súa esquerda, enfrontaríase coa realidade que experimenta a maior parte dos venezuelanos: o bairro.

É imposíbel describir a arquitectura dun bairro en Caracas se se toma como referencia a unha veciñanza pobre en Londres, Paris ou New York. Véndoo de lonxe, é coma se deus tomase unha carretilla xigantesca chea con centos de miles de cubos diminutos, feitos a medida e logo empezase a verter os contidos ao chou sobre as montañas. Como os cubos rodan, páranse sen orde algún e un queda encima do outro, todos desafiando dalgún xeito a forza da gravidade.

Pero por suposto, os bairros foron construídos polo pobo: a xente pobre do campo que emigrou á cidade durante o século XX. Cando chegaron, ao non atopar casas ou terras a prezos accesíbeis, ocuparon terras baleiras e ociosas nos cerros e comezaron a rodear a cidade cos seus ranchos (chabolas), construídos con calquera material de que dispuñan: polo xeral unha combinación de tixolo, bloque e lata, ou, no peor dos casos, cartón.

A vista do balcón do meu amigo no andar 24º dun edificio, situado nun municipio de clase media en Los Dos Caminos, é abraiante. É coma se contemplase a cidade desde o alto dun faro que foi colocado no centro dunha inmensa edificación. Hai rúas organizadas, edificios modernos, centros comerciais relucentes, e o constante embotellamento. Ao redor dos edificios atópanse os bairros. A tres ou catro quilómetros de onde me atopaba atópase o bairro de Petare, un dos máis grandes en América Latina que alberga case medio millón de venezuelanos. Pola noite, Petare reloce con luces amarelas e brancas que brillan como as luces de miles de árbores de nadal.

Axiña o bairro brillará con luz branca, só terá que esperar que o programa do Goberno de substituír os vellos bombillos amarelos por brancos que aforran enerxía remate.

A paisaxe oferece unha dimensión física que fai pensar que Caracas está situada sobre si mesma: mellor dito, literalmente, a xente pobre que vive no alto observa aos ricos que habitan na parte baixa. No que respecta o político, a sociedade venezuelana, no medio da súa revolución socialista do Século XXI ten algúns trazos de guerra de épocas anteriores. Aqueles que foron, anteriormente, socialmente excluídos, agora teñen poder político; aínda que os ricos queden coa maior parte do poder económico e ideolóxico dado que son donos de medios privados e outros negocios.

Malia Chávez gañar 10 eleccións e referendos (inmediatamente aceptou a derrota no referendo que perdeu), a guerra da desinformación contra a democracia venezuelana segue incrementándose. Fai dúas semanas, un dos presentadores de Globovisión dixo aos seus espectadores, moi seriamente que un roubo bancario en Altagracia de Orituco era culpa de Chávez. Logo, vin un programa de entrevistas onde tres expertos de clase alta anunciaron, sen mostrar trazos de ironía, que eles estaban planeando unha marcha contra a "fame e a pobreza". Incríbelmente, eles referíronse á súa fame e á súa pobreza.

Uns días antes, eu tiña estado facendo compras nun frecuentado supermercado de Caracas, situado nunha zona de clase alta da cidade. A selección de produtos alimenticios, frescos, conxelados e enlatados, apilados nas baldas, era tan abraiante como os que se aprecian en Tesco ou Wal-Mart (supermercados británicos). O único produto que non puidemos atopar foi o leite, que está sendo acaparado e ilegalmente exportada a Colombia por produtores e distribuidores nun intento por violar os controis de prezos estabelecidos polo Goberno sobre produtos alimenticios básicos. E a pesar da esporádica escaseza, os venezuelanos de todas as clases sociais consomen máis alimento que nunca antes. Nos bairros, os supermercados nacionais Mercal venden alimentos á metade do prezo do mercado.

Noutra ocasión, pareime para comprar un café negro nun dos quiosques multiusos que están situados ao redor de Caracas. A selección habitual de xornais en contra do goberno estaban expostos: El Nacional, El Mundo, El Universal, El Nuevo País, así como un ou dous máis moderados. A maior parte deles cunha historia anti-Chávez, pero o titular que máis atraeu a miña atención foi o de Tal cual, un xornal supostamente liberal: "¿Otra dictadura? ¡Nunca!". O ano pasado un dos seus titulares na primeira páxina foi "Heil Hugo". Na parte inferior atopábase unha fotomontaxe de Chávez cun bigote de Hitler. A pesar destas provocacións, nin Tal cual nin ningún dos rotativos dereitistas máis extremos estivo suxeito algunha vez a algunha censura por parte do goberno de Chávez. As enquisas mostran que a porcentaxe de venezuelanos que están "satisfeitos polos seus traballos democráticos", elevouse do 35 % ao 59 % durante a presidencia Chávez. A media latinoamericana é do 37 %.

En decembro, Chávez sufriu o seu primeiro fracaso eleitoral. Os cambios constitucionais que consagrarían a democracia participativa e eliminado o límite de períodos dun presidente, foron rexeitados polas máis estreitas marxes nun referendo de escala nacional. Mentres que o voto da oposición permaneceu sen alteración en catro millóns e medio, máis dunha terceira parte de partidarios do goberno optou por ficar na casa. Expuxéronse múltiples razóns para explicar esta abstención masiva: a escaseza de leite; os altos índices de delincuencia e corrupción; a complexidade das propostas; a ineficiencia burocrática; unha pobre campaña e compracencia.

Indubidabelmente, a propaganda dos medios privados tamén xogou a seu parte para confundir aos partidarios da revolución e reforzar o apoio á oposición. Un home con quen falei díxome que a súa sogra, unha fiel votante chavista, abstívose, temendo que se as emendas eran aprobadas, o Goberno apropiaríase do seu apartamento. Revisei os arquivos do voto para a área de clase media onde eu estaba aloxado e aproximadamente o 87 % dos meus veciños votara contra a proposta. Con todo, sería absurdo se a oposición proxectase demasiada comodidade ante a súa vitoria no referendo. Chávez segue sendo popular de xeito esmagador e o Goberno é capaz de reenfocar os seus esforzos sobre a base de que aquelas persoas que se abstiveron sairán a votar en futuras eleccións.

O que realmente se esconde detrás da estridente histeria anti-Chávez (a maior parte dela financiada polo goberno estadounidense) non é unha economía decadente ou unha represión estatal, senón a exclusión da antiga clase dominante e os seus aliados en Washington de grupos de poder estatal. Mentres Venezuela mantén moitos dos trazos da época pre revolucionaria, incluíndo burocracia e corrupción, algunhas enquisas independentes demostran que os ingresos da clase obreira e maioría pobre eleváronse nun abraiante 130 % en termos reais.

Pero os cambios na vida da xente implican máis que melloras no nivel de vida material. Durante unha visita que fixen á cidade de Naiguatá na costa do Caribe, atopeime cunha das 2.000 novas clínicas que proporcionan asistencia médica de alta calidade aos pobres de Venezuela. Conversei con Antonio Brito, un doutor venezuelano de 25 anos que se licenciara recentemente da Escuela Latinoamericana de Medicamento en Cuba. O doutor Brito díxome que a terceira parte dos 94 estudantes da súa clase, viñan de comunidades indíxenas. Aqueles que se licenciaron con el, serven agora nas súas comunidades indíxenas. Preguntei a Brito canto custaría o tratamento a un estranxeiro coma min. "Aquí, o tratamento médico é completamente gratis," contestou. "O único requisito é que vostede sexa un ser humano."

No bairro 23 de Enero de Caracas coñecín máis exemplos da transformación que vive Venezuela. Nunha parte do bairro, notei tubaxes de gas recentemente instalados que sobresaían polos lados de cada casa. Os habitantes tamén están conectados co mundo exterior. No sector La Cañada, visitei un infocentro que proporciona formación gratuíta na área de informática e o acceso a Internet de banda larga ilimitado en 74 terminais. Un dos facilitadores explicou que o infocentro é o resultado dun traballo mancomunado entre o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e a comunidade local. O Ministerio proporcionou os materiais de construción, o apoio loxístico e os ordenadores, e a comunidade construíu o centro e elixiu o persoal. Cincocentos infocentros similares abríronse nos bairros

Por suposto, a revolución socialista de Venezuela non acontece nun baleiro xeopolítico. A reaparición da multipolaridade, especificamente o rexurdimento de China e de Rusia, creou posibilidades económicas e políticas para países do terceiro mundo que antes serían impensábeis. Varios países latinoamericanos, entre eles Bolivia, Ecuador e Nicaragua, rexeitaron decididamente a ortodoxia neoliberal e a hexemonía estadounidense, e están cooperando a través do ALBA, outros comercios mutuos e investimentos. En Sudáfrica, a vitoria absoluta da esquerda nas eleccións á ANC (Congreso Nacional Africano), foi en parte inspirada polos cambios que acontecen en América Latina.

Un lema popular pintado en paredes en América Latina reflexa "Un Mundo Mellor é Necesario". Por primeira vez nunha xeración, un mundo mellor tamén é posíbel.


4,35/5 (20 votos)