Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Esta segunda feira

O lume olímpico sae cara a Beixín

Principia a marcha do facho cara a Beixín no que son unhas das Olimpiadas máis polémicas da historia. Polo medio as revoltas no Tíbet e as ameazas de boicot.

Redacción - 10:10 24/03/2008
O facho olímpico

O facho olímpico

O lume olímpico sae esta segunda feira e está previsto que percorra 137 mil quilómetros en 130 días, visitando 23 países dos cinco continentes até prender o Facho situado en Olimpia (Grecia) o vindeiro 6 de agosto, dous días antes de que comecen as Olimpiadas de Beixín 2008.

O lume prendeuse de mañá nas ruínas do templo de Hera, en Olimpia, nunha cerimonia que se puido seguir en directo na web de Beixín 2008, e na que varias actrices caracterizadas como sacerdotisas da deusa Hestia colocan o pequeno facho nun espello cóncavo que concentra os raios do sol.

A viaxe do lume olímpico na era moderna comezou en 1936, durante as olimpiadas de Berlín. Dende aquela a tradición perpetuouse en 16 Xogos Olímpicos de verán e 12 de inverno.

Beixín 2008: as Olimpiadas e os dereitos humanos
Do 8 ao 24 de agosto Beixín será a cidade anfitrioa dos Xogos Olímpicos de 2008, acollendo os milleiros de deportistas que practican, de xeito profesional, os 28 deportes de verán que enchen o programa olímpico.

Mais esta edición das Olimpiadas chega cargada de polémica, posto que a China é un dos países do globo máis sinalados pola reiterada vulneración dos Dereitos Humanos alén das súas fronteiras. De feito nos últimos días foi noticia o que, entre outros o presidente do Parlamento Europeo, Hans Gert Pöttering, denominou "xenocidio cultural do pobo tibetano" a mans do exército e da policía chinesa.

Segundo a axencia oficial de noticias chinesa, da que proveñen case todas as informacións sobre o conflito co Tíbet, após pasaren pola peneira do goberno chinés (xa hai unha semana que non se permite a presenza de prensa internacional na rexión), as autoridades deportivas tibetanas van "tomar medidas de seguridade para protexer o relevo do facho de eventuais feitos de sabotaxe por parte dos seguidores da cuadrilla do Dalai Lama".

No Tíbet, o lume olímpico ha subir até o cumio do monte Qomolangma, coñecido no occidente coma Everest, controlado en todo momento pola policía chinesa e polas autoridades tibetanas. Será en maio, pero até daquela o pequeno facho vermello ha pasar por 21.870 mans dos portadores e portadoras.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: