Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Espazos sen protección especial

As "falcatruadas urbanísticas" zoupan na Marisma de Baixoi e a Praia Grande de Miño

O colectivo Verdegaia pide paralizar os proxectos máis agresivos co medio e solicita incluír a zona no LIC Betanzos-Mandeo.

Redacción - 12:06 26/03/2008

Aproveitando a ampliación dos espazos da Rede Natura 2000, proceso aberto polo Goberno, o colectivo ecoloxista Verdegaia solicitará que a Praia Grande de Miño, a Marisma e o Río de Baixoi, que posúen "hábitats naturais e especies de interese comunitario", pasen a formar parte do LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) Betanzos-Mandeo e sexan declaradas ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).

Consideran os ecoloxistas que isto non se fixo até o de agora "para non entorpecer as falcatruadas inmobiliarias que se veñen levando a cabo nesta zona con total impunidade". Ao respecto, o colectivo fai un minucioso estudo das urbanizacións e infraestruturas que "ameazan" a integridade dun espazo natural "esquecido" e apenas protexido polo Plano Xeral de Ordenación Municipal.

Á beira dunha das maiores "aberracións urbanísticas" do país
O máis dun milleiro de vivendas da urbanización bautizada inicialmente como "Costa Anácara", posteriormente nomeada "Costa Miño", é cualificada por Verdegaia como unha das maiores "aberracións urbanísticas perpetratadas con total impunidade no noso país". Denuncian que entre outros, provocou grandes vertidos de lama á Praia Grande e á marisma de Baixoi debido aos desmontes de terra feitos para as vivendas e o campo de golf . Estes lodos afectáronlle aos bancos marisqueiros existentes na zona, "reducindo a súa produtividade".

Desta volta, outra urbanización, no Monte Piñeiro, ameaza a marisma e, segundo recolle o propio Estudo de Impacto Ambiental do proxecto, as escorrentías contaminantes durante o proceso de construción afectaranlle aos "procesos de sedimentación da marisma, a súa vexetación e sobre todo á súa fauna". Verdegaia, que xa alegou contra esta iniciativa urbanística, láiase ademais de que o Concello de Miño permita urbanizar o que é "un dos escasos espazos verdes que quedan no municipio, susceptíbel de ser aproveitado como o grande pulmón verde da vila".

Máis "chiringuitos" nas dunas
A queixa dos ecoloxistas inclúen tamén o permiso municipal para a construción doutros tres edificios de hostalería no mesmo sistema dunar da Praia Grande, dos que advirten que "agravaría o seu deterioro ao verse incrementada a presión humana sobre dito ecosistema". Recorda Verdegaia que a pé de praia "xa hai varias instalacións de hostalería que satisfán a demanda deste tipo de estabelecementos".

Verdegaia denuncia así que se teime en agredir un contorno privilexiado xa afectado por outras infraestruturas, como é o caso do viaduto da autoestrada AP-9 sobre a marisma de Baixoi, que alterou o leito da marisma e causou un forte impacto paisaxístico. Tamén se laian de que a EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) en Ponte Baixoi se localice na cabeceira da marisma, vertendo así ao Baixoi. Avisan ademais de que a capacidade prevista para cinco milleiros de habitantes vaise ver desbordada debido á presión urbanística permitida, de xeito que agoiran que a deputadora, en caso de avaría ou situación anómala acabará liberando efluentes sen tratamento previo ao río Baixoi.


4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: