Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Industria e gandeiros non chegan a acordo

Sen compromiso "concreto" para fixar os prezos do leite

Os sindicatos advirten de que a media de pago ao que se comprometen as empresas queda por baixo dos mínimos necesarios para a rendabilidade das explotacións.

Redacción / EP - 09:00 27/03/2008
Protesta diante da fábrica de leite Celta, o 13 de marzo

Protesta diante da fábrica de leite Celta, o 13 de marzo

Os sindicatos agrarios Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA) e Xóvenes Agricultores (XXAA) pedíronlles conxuntamente ás industrias que fixen ao comezo da campaña un prezo medio de referencia anual do que lles pagarán aos gandeiros polo leite. E en todo caso, subliñaron a súa protesta pola baixada de prezos efectuada pola industria durante o último mes, redución de entre 3 e 6 céntimos por litro.

Paco Bello, de Xóvenes Agricultores, considerou aceptábel un prezo de 45 céntimos e admitiu posíbeis baixadas nalgúns meses se se compensaban con subas noutros períodos. Pola súa banda, Unións Agrarias, representada polo seu secretario xeral, Roberto García, afirmou que ese prezo non poderá baixar "en ningún momento" dos 43 céntimos.

Os sindicatos tamén se amosaron preocupados polo feito de que as industrias que baixaron os prezos en menor medida aproveiten os vindeiros meses para reducilos outra vez e así achegárense ás que fixeron os maiores recortes. Ademais, consideran que non hai razóns de mercado para eses descensos, polo feito de que a produción, de seis millóns de toneladas ao ano, non cobre o consumo, duns nove millóns.

Sen acordo "concreto"
Despois de arredor de cinco horas de negociación, o acordo non foi posíbel. Desde o lado das industrias o maior xesto que se chegou a realizar foi a promesa de que a cotización media a pagar por litro de leite á fin de 2008 se sitúe na media aboada en 2007, é dicir, 37,6 céntimos de euro.

Os sindicatos cualifican de "decepcionante" esa posición, sinalando que o empresariado non realizou sequera ningún "compromiso concreto" que asegure ese mínimo. Ademais, advirten de que fronte ao incremento xeneralizado dos custos de produción nas explotacións gandeiras, debido á suba de gasóleo e cereais, manterse nesas cifras e condenar os gandeiros a non teren garantido que as explotacións sexan rendíbeis.

"Non son en ningún caso comparábeis", subliña Xabier Gómez, do Sindicato Labrego, ao respecto dos custes a afrontar en 2007 e o prognóstico para 2008. "Non moveron ficha, cando non existía motivo para iso", recriminoulles ás industrias Francisco Bello, de Xóvenes Agricultures.

Os sindicatos fixaron para este mesmo xoves unha xuntanza, onde definirán as medidas a adoptar fronte á imposibilidade do acordo. Iso incluiría con probabilidade a volta ás protestas do tipo das realizadas recentemente en Nadela ou Pontedeume. "É posíbel a volta ás mobilizacións", avanzou Xavier López, de Unións Agrarias. Mentres, desde o lado das empresas, Xesús Lence, responsábel de Leite Río, prognosticaba que os gandeiros rematarán 2008 "cun aumento de beneficios por riba do 10%".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: