Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SEMANA GALEGA DA FILOSOFÍA

As mulleres de negro, pola paz en Palestina

Jumana Odeh Esawee e a israelí Ivonne Mansbach falarán este xoves en Pontevedra, precedidas de Camilo Nogueira e Henri Peña Ruíz.

Redacción - 11:53 27/03/2008

As douturas Jumana Odeh Esawee, palestina, e a israelí Ivonne Mansbach forman parte da ONG Physicians for Human Rights que levan unha clínica ambulante polos territorios ocupados. Ademais, Mansbach está vencellada ao movemento Check Point Watch, xunto con outras 300 activistas israelís. As mulleres desta agrupación sitúanse como observadoras nos postos de control, de onde non poden ser botadas polos soldados do exército do seu país. Grazas a esa inmunidade, poden tomar boa conta do comportamento das forzas da orde israelís coas persoas que cruzan as fronteiras a diario.

Asemade, forma parte do colectivo Mulleres de negro. Desde hai varios anos en diferentes partes do mundo, grupos de mulleres vestidas simbolicamente de negro levan a súa protesta ás rúas e ao espazo público, para denunciaren a violencia e as guerras, sempre iniciadas polos homes malia ser mulleres e nenos finalmente as primeiras vítimas de todo conflito.

Jumana Odeh Esawee e Ivonne Mansbach ofrecerán unha conferencia no Auditorio de Caixanova de Pontevedra a partir das oito da tarde deste xoves, en substitución de Ignacio Ramonet, que non puido acudir á Semana Galega de Filosofía. Falarán sobre a resistencia á guerra e á politica militarista, a promoción da política feminista alternativa a nivel internacional e a difusión da contrainformación.

Henri Peña Ruíz e Camilo Nogueira
Antes pasarán pola Semana Galega de Filosofía Henri Peña Ruíz, catedrático de filosofía no Instituto de Estudos Políticos de París, que a partir das dez e media da mañá ofrecerá unha conferencia sobre Filosofía do laicismo: cara a unha refutación da espiritualidade. Peña-Ruíz foi no 2003 membro da comisión Stasi de sabios sobre o principio de laicidade na República francesa. A seguir, pola tarde, de 17 a 19.30 horas intervirá Camilo Nogueira, que falará sobre Galiza: unha nación no mundo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: