Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XXIV Asemblea de Nova Escola Galega

"Ser mestre hoxe": renovación pedagóxica en clave de país

Educación pola paz, lingua, perspectiva de xénero, resposta educativa desde o rural... Con 25 anos de historia, o colectivo Nova Escola Galega fai peneira da súa vizosa actividade.

Redacción - 09:30 29/03/2008

Nado en 1983, o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega chega este 2008 ao seu vinte e cinco aniversario. Unha traxectoria longa e rica de traballo a prol da transformación e mellora do ensino, baseada en principios moi claros e que inclúe desde a definición e loita das condicións necesarias para unha "pedagoxía alternativa" desde outro modelo de escola pública até a procura de prácticas educativas que tomen en conta "todos os aspectos físicos, afectivos, sociais e intelectuais da personalidade das persoas en formación". E todo iso ademais desde a convicción da necesidade de traballar en favor dunha "inculturación galeguizadora e a loita pola normalización lingüística en Galiza".


Alén do balance que a asociación vai facer das súas actividades durante o ano pasado e do debate sobre o programa de actuacións a curto prazo cara ao futuro, a xornada deste sábado no Museo Pedagóxico de Galicia inclúe a mesa redonda Ser mestra ou mestre hoxe, coa participación de Agustín Fernández Paz, Rosa María Vicente Álvarez, Emilio González Legaspi e Ana María Pose Blanco. Antes, haberá a presentación do libro Actividades e recursos educativos dos museos de Galicia, a cargo de Felipe Arias Vilas, Director Xeral de Patrimonio Cultural; Antonio Rial Sánchez, Director do MUPEGA; Ana María Pose Blanco, Coordinadora da publicación; Xesús Rodríguez Rodríguez, Coordinador da publicación e Iria Lago García, Directora de Publicacións da Editorial Toxosoutos.


Nova Escola Galega reúne os esforzos de de 500 profesionais do ensino de todo o país, "preocupados por un modelo de escola pública, democrática, plural, integradora e en galego". Entre as súas iniciativas recentes realizadas á beira diversas entidades, están o ProxectoTerra, feito en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e o Vieiros da Escola, espazo mantivo en colabotación com Vieiros. Nova Escola edita ademais a Revista Galega de Educación, a máis prestixiosa publicación en Galiza no ámbito do ensino.


4.5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: