Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Loucura en Xapón coa estornela

Atención palanadores: a wii prepara o Billarda All Stars 2009!

Logo de que unha serie infantil metese a moda no país, a xaponesa Nintendo anuncia que en poucos meses poñerá nas tendas un videoxogo inspirado neste deporte tradicional.

Redacción - 10:45 01/04/2008
Tags: billarda wii

Do Aberto do Lacón ao Torneo de Osaka? A Liga Nacional da Billarda ameaza chimpar fronteiras. Gorentosos de novidades, atentos a tendencias e sutís plaxiadores de boas ideas, os xaponeses veñen de realizar a súa particular adaptación do xogo que nos últimos tempos axita con forza a escena do deporte galego.

Kotaro-Chan naceu apenas como un personaxe secundario dun coñecido manga xaponés. Ao xeito que acontece con outros secundarios que gañan presencia, co salto da serie en banda deseñada á pantalla televisiva, os creadores viron a potencialidade que por si soa tiñan as historias de Kotaro-Chan. Foi así como naceu o que en libre tradución ao galego é O equipo K-Chan. "Dálle co pau" vén a ser a tradución aproximada que os xaponeses argallaron para referirse á billarda. Escrito en caracteres xaponeses: ビートスティック .

Agora, e na inercia do éxito da serie nos seus primeiros capítulos, o xigante xaponés dos videoxogos dá a sorpresa: a billarda chegará á coñecida videoconsola Wii. Será a comezos de 2009, cando os palanadores do futuro poidan experimentar a pé de salón e sen apenas levantar do sillón, a emoción billardeira en toda a súa intensidade virtual. Na rede poden saber máis do proxecto.

Queda por ver como souberon os xaponeses da billarda. Algún xenio da vizosa canteira de debuxantes galaicos que anda facendo extras por terras xaponesas? Algunha foto perdida dun turista xaponés que en visita a Galiza levou inmortalizados na súa cámara a Ismael, o Zidane da Billarda, ou David, do Sporting Petapouco? Seguiremos investigando.


Esta nova pertence á edición especial Vieiros 1 de abril


4,64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O protagonista do anime co seu irmán pequeno, listos para arramplar con todo
O protagonista do anime co seu irmán pequeno, listos para arramplar con todo
Na LNB xaponesa tamén hai equipo feminino
Na LNB xaponesa tamén hai equipo feminino
Toda boa serie ten o seu malvado, aquí a contraparte de Kotaro-Chan
Toda boa serie ten o seu malvado, aquí a contraparte de Kotaro-Chan
Rapaces xaponeses péganlle ao palán nunha escola de Kioto
Rapaces xaponeses péganlle ao palán nunha escola de Kioto