Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Parlamento

O PPdeG cre que a comisión de investigación sobre a axente electoral "nace viciada"

Os 'populares' opuxéronse a que o deputado do PSdeG Xosé Tomé a presida, xa que é "xuíz e parte". O BNG pide que sirva para aclarar "non só este caso".

Redacción - 14:40 01/04/2008

A comisión de investigación sobre o pagamento dunha viaxe con fondos públicos a unha suposta axente electoral arrancou este martes no Parlamento con polémica dende a súa constitución, xa que o PPdeG se opuxo a que o socialista Xosé Tomé presida o órgano. Consideran que é "xuíz e parte" neste asunto, ao pertencer ao mesmo partido que varias persoas que serían obxecto da investigación.

Acompañarán a Tomé na Mesa a nacionalista Carme da Silva como vicepresidente, que recibiu a abstención do PPdeG, e o popular Xosé Manuel Castelao Bragaña -postulado, polo seu grupo para presidir a comisión-, coa abstención de PSdeG e de BNG.

"Sería apropiado que alguén que non fose implicado a presidise para dar garantías de imparcialidade e transparencia", expresou o deputado popular Antonio Rodríguez Miranda, que aludiu á posibilidade de que a deputada socialista Marisol Soneira poida ser investigada.

Alcance das indagacións
No breve debate desta xornada de constitución púxose de manifesto unha das discrepancias de fondo entre os tres grupos sobre esta comisión: o alcance das indagacións.

Xaquín Fernández Leiceaga, do PSdeG, avogou por coñecer a xestión "ao longo do tempo" do convenio, aprobado polo anterior Goberno, e vixente na actualidade, entre a Xunta e Iberia para custear viaxes a América Latina de emigrantes con dificultades e que, supostamente, foi utilizado para financiar voos con fins partidistas e de captación de votos.

Pola súa banda, o deputado do BNG Carlos Aymerich expresou o desexo de que esta comisión sirva para aclarar "non só este caso, senón o conxunto de escándalos" acontecidos, segundo denunciaron os nacionalistas en numerosas ocasións, arredor do voto exterior durante os últimos anos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: