Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Aitor Rivas, d'Os Palán-Ganas

"Na billarda ten cabida todo o mundo"

Son o primeiro equipo meridional galego que participou neste rexurdimento da billarda no país, que hai uns tres, case catro anos se convertería na Liga Nacional de Billarda.

A. Rodríguez - 10:19 05/04/2008
Aitor Rivas, facendo unha billarda

Aitor Rivas, facendo unha billarda

Vieiros falou con Aitor Rivas, un dos promotores do rexurdimento billardeiro polo sur, membro do xa mítico equipo Os Palán-Ganas de Vigo que, a pesares de estar cheo de emigrados (o que fai que se xunten ben pouco para xogar), ten unha forza especial, porque moitos deles aprenderon de cativos, xogando cos pais, cos avós... xogando como se xogaban daquela a un deporte que renaceu e non para de medrar por todo o país.

De feito, os Palán-Ganas regresan para participar no I Aberto de Mos, organizado para este sábado (comeza a partir das 16:00 horas coa inscrición de participantes, que, por certo, pode facer todo aquel que queira xogar, mandando un mail a lnb.sur@gmail.com); un evento que dá conta de como se vai expandindo a estornela polo mundo, posto que está organizado polos membros da acabada de crear Conferencia Sur (que probabelmente ha estar na vindeira tempada coa súa propia liga regular dentro da LNB).

Vieiros: Cóntanos como comezou a cousa...
Aitor Rivas: Pois foi hai catro ou cinco anos, a raíz de coñecer á xente da Mariña, da asociación O Varal, que naquela altura comezaban a darlle á billarda. Nós decidimos montar un equipo propio. Antes xogabamos pola nosa conta (nas nosas aldeas, coa familia - eu xogaba en Sober coa miña bisavoa-), pero cando soubemos dos esforzos que lle estaban a dedicar polo norte a recuperar o xogo, apuntámonos.

Aínda eran os primeiros torneos, e non estaba creada a actual LNB; aquelo era a proba; foi a última tempada antes de comezar en serio como deporte nacional; antes de que comezase a estenderse por todo o país.

Os Palanganas, como dis, fomos os primeiros do sur, pero ao mellor temos máis importancia polo feito de comezar de primeiros que polos méritos obtidos ao xogar... temos aínda poucos títulos no noso palmarés!

Como lle chaman á billarda Os Palán-Ganas (porque cada quen lle chama dun xeito... Do outro lado da ría é a Cachiza)?
Chamámoslle, entre nós, billarda, se cadra porque eu son de Sober (Terra de Lemos) e é a denominación que emprego; pero pola nosa zona, polo sur de Pontevedra, chámanlle Pincha.

E cantos son agora mesmo? Por onde andan?
A Mos imos xogar este sábado uns cinco, porque moitos de nós estamos fóra (eu estou en Alemaña, e hai xente do equipo en Madrid ou en Euskadi). Somos case todos do sur, de Vigo, Pontevedra, Salceda de Caselas, Xinzo, Celanova... e a verdade é que hai ben tempo que non nos xuntamos. Nin sequera imos facer como a selección galega, que polo menos adestra un día antes do encontro... Imos sen preparación... a ver se quedamos para vernos antes...

E os de Mos, estarán moi preparados... como vos vedes para o torneo?
A ver como lle dá a xente de Mos... nós non estamos demasiado optimistas. Eles xa adestraron e participaron nun torneo, tomando nota do que fai a xente do norte, intercambiando tácticas... Pero dende aquí dígolle aos nosos afeccionados que imos dalo todo. Xa estudamos como está o campo do Torroso, e é moi lento, o que vai ben coas nosas características, onde tiramos máis de técnica que de forza.

E cando se monte en serio e comece a súa liga regular, ides participar na Conferencia Sur?
Si, temos pensado montar unha conferencia coas regras que se emprega na LNB (as que rexen as dúas conferencias actuais, a do NorLeste e a NorOeste), mais tamén imos xogar de xeito tradicional, como se xoga no sur.

Explícanos un chisco...
É así como no béisbol: un equipo ataca e outro defende. Lánzase a billarda e logo calcúlanse os paláns de distancia aos que puido caer. Por exemplo o equipo que lanzou a billarda calcula que está a uns 30 paláns; daquela os contrarios poden estar de acordo, ou ben pedir que se midan. No caso de que estea a 30 paláns como se pensaba, o equipo que a lanzou e atinou, gaña o duplo dos que pediu, isto é, 60 puntos. Se non está a 30, aínda que estea a 29, o outro equipo leva os 30 puntos.

Vós comezastes de pequenos, pero tamén tedes xente que non sabía nada da billarda...
Si, e que se animou e comezou a xogar. Animo a toda a xente do sur dende aquí, que queira xogar, porque imos ter Conferencia... e este deporte é para todos; novos, vellos... non ten idade e todos xogan xuntos.. É interxeracional! Na billarda ten cabida todo o mundo.

Pois moita sorte en Mos o sábado... Ei! Sabiades que hai uns seareiros futboleiros do Sevilla FC que tamén se chaman Os Palanganas (cousas de buscar no Google)...
En serio?!


5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Escudo dos Palán-Ganas
Escudo dos Palán-Ganas
Aitor facendo unha billarda co seu avó
Aitor facendo unha billarda co seu avó
O torreiro de Torroso, onde se ha xogar o torneo aberto este sábado
O torreiro de Torroso, onde se ha xogar o torneo aberto este sábado
Como chegar a Torroso, en Mos (dálle ao mapa para facelo meirande)
Como chegar a Torroso, en Mos (dálle ao mapa para facelo meirande)
Membros da Conferencia Sur e da NorLeste mesturados, cando participaron no Torneo do Lacón, en Cervo
Membros da Conferencia Sur e da NorLeste mesturados, cando participaron no Torneo do Lacón, en Cervo
A Conferncia NorLeste ao completo, onde naceu a LNB
A Conferncia NorLeste ao completo, onde naceu a LNB