Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Leire Barañano, directiva do Grupo Eroski

"Somos de onde estamos"

O pasado mes de xaneiro -xunto co seu socio en Galiza, Vegalsa- a empresa vasca asinou un acordo coa Xunta para ofrecer o galego nos móbiles.

Fernando Arrizado - 19:35 09/04/2008
Leire Barañano

Leire Barañano

A directora da Secretaría Xeral do Grupo Eroski, Leire Barañoque, viaxou este martes a Compostela para presentar xunto co seu socio en Galiza, Vegalsa, o balance económico de resultados correspondente ao exercicio 2007.

A empresa Vegalsa-Eroski superou os 700 millóns de euros en vendas, o que supuxo un incremento do 11% con respecto ao ano anterior, segundo informou o director xeral da entidade, Xoaquín González.

Barañano foi a encargada de dar a coñecer os datos a nivel estatal. Os beneficios foron de 207 millóns de euros, un 9% máis ca en 2006; ademais, salientou o investimento realizado coa adquisición do grupo de supermercados catalán Caprabo.

Vieiros
: Dende hai dous meses, Eroski ofrece servizos de telefonía móbil. A acollida en Galiza está a ser moi positiva. Cal é a razón?

Leire Barañano: A campaña en xeral foi moi boa. Logo as partes que compoñen a suma de todo lanzamos unha oferta moi atractiva en canto a prezos e condicións. Ademais, tamén está a confianza na marca. Estamos a falar dun produto que nada ten que ver coa alimentación. Cando o cliente merca produtos da marca fóra disto (axencias de viaxes, gasolineiras, etc.), danos pistas de que está disposto a que lle vendamos outros produtos que non están relacionados coa cesta básica da compra.

Ademais, grazas ao convenio asinado coa Consellaría de Industria, dan a posibilidade de empregar o galego en todos os servizos de telefonía móbil (menús do aparello, relación cliente-empresa, ...) A idea partiu da marca ou da Administración?

Foi unha cousa que partiu de ambas as dúas partes. Atopámonos polo camiño. Dende o grupo temos unha política moi definida en relación coas linguas. Dende o ano 1976, a marca Eroski -cando aínda só estaba na zona do País Vasco- xa nace daquelas cos catro idiomas (oficiais actualmente no Estado). Neste senso, calquera oferta ou servizo novo que sae cumpre con esta condición. E en Galiza demos o paso, como fixemos no País Vasco e mais en Cataluña, de darlle ao cliente polo menos a oportunidade de utilizar este servizo.

Dende diversos eidos, da política, da economía galegas falouse en moitas ocasións da necesidade de importar o modelo de Eroski á nosa terra. Cal e o segredo do éxito do grupo?

Eu creo que o modelo xa está porque Eroski está en Galiza dende que en 1998 asinara a alianza con Vegalsa (grupo nacido tras o acordo coa galega Vegonsa, participado ao 50%). De feito, o modelo incorpora elementos de alto valor que xa traía o propio proxecto Vegalsa, un socio con 50 anos de historia e cun proxecto moi sólido. O que camiñamos deica aquí, camiñámolo xuntos, e está a funcionar.

Como foi a relación nestes dez anos?

Moi satisfactoria. En todo este tempo conseguimos que gañase a economía galega; sumar máis provedores, crear emprego, abrir máis proxectos como axencias de viaxe, perfumerías, ... Son negocios que o grupo trae a Galiza.

Semella que ultimamente, dende o sector dos supermercados está moi de moda apelar ao sentimento de galeguidade do cliente para venderen os seus produtos. Mais, algo que nun principio podería ser positivo, é criticado por moitos xa que consideran fica só no superficial... Cal son os compromisos reais, que ademais do galego nos móbiles, ten Eroski con Galiza?

Son varios. Primeiro, un compromiso clarísimo de continuidade, é dicir, de investimento en proxectos novos mais tamén de modernización das tendas que xa temos. Hai unha aposta polo arraigo, por ficar aí: unha parte moi importante dos accionistas de Eroski son traballadores, co que é un proxecto dificilmente opábel; unha multinacional non se pode facer co grupo. Ademais, temos un compromiso de implicación coa comunidade local: repartimos o 10% dos beneficios, haxa ou non ganancia, na comunidade.

E por último hai un compromiso co produto galego, non só dende un punto de vista marketiniano; interésanos que o tecido socioeconómico galega vaia para adiante, porque ao final, son os que mercan nas nosas tendas. Por definición, dende Eroski sempre dicimos que somos de onde estamos: en Galiza somos de Galiza, en Cataluña -agora coa adquisición de Caprabo- xa dixemos que queremos ser cataláns.

É viábel a venda de alimentos por internet? Que tal está a funcionar en Galiza?

En Galiza aínda o estamos a estudar, mais a valoración global é moi positiva. As vendas estanse a incrementar un 5%. Responde a perfiles moi determinados e na actualidade vémolo máis como un complemento, que nuns anos terá unha presenza notábel.


4,56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: