Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Último asalto da Conferencia Norleste da Liga Regular

No Valadouro vai haber que mollarse!

Os palanadores a palanadoras da Mariña han recoller a colleita persoal de toda unha tempada.

Redacción - 10:00 12/04/2008
Velaquí a pista do Valadouro, onde se xoga o último asalto da Conferencia NorLeste

Velaquí a pista do Valadouro, onde se xoga o último asalto da Conferencia NorLeste

Os palanadores e palanadoras da Conferencia NorLeste hanse xuntar no enreixado campo do CEIP Santa María do Valadouro a partir das 16:30 horas deste domingo 13 de abril, coa metade da Mariña asolagada.

A xornada preséntase cunha intensidade que xamais se viu nun terreo de xogo da LNB, porque practicamente todo está por decidir. Só unha persoa ten claro que vai a participar na final do Campionato Galego de Billarda a disputar en Compostela: Markitos, dos Billardeiros Musicais, que xa ten o seu pase selado na modalidade de varados. O resto teñen que acabar de facer os deberes; e en primeiro lugar asegurarse as clasificacións pertinentes.

Chuzos de punta caen nestes intres de tensa espera ante o último asalto da liga regular na gaiola do Valadouro onde se vai decidir a equipa vencedora da conferencia, a vencedora feminina, o campión de Varados máis as 8 prazas de cada grupo A e B, para loitar posteriormente no campo de Obe (Ribadeo) polo pasaporte para a gran final de Compostela, que será en maio.

Nos varados, de todas as franquicias ... quen se clasificará?
Na modalidade de varados varios son os xogadores que seguramente van ter que ir o desempate para clasificarse para Compostela, enchendo a cota de catro palanadores que ha presentar esta conferencia na final. Markitos, que xa está na final, só precisa que David non faga un varado na súa única carreira.

Na categoría feminina Mónica agarda rival da Serie B para disputar o título de conferencia. A cousa está entre Teresa R., Ana ou Lía, que só están separadas na clasificación por un punto.

As franquicias, agás Cornería Team que se quedou sen opcións de título, non variaron a súa situación na táboa clasificatoria. Os Billardeiros Musicais seguen líderes, pero só seis puntos separan aos de Remourelle (Remourelle Bulls) dos da vila, e será este domingo o día que se resolva a gran incógnita dende que comezou a liga.

Até que remate a xornada, non se ha saber que xogadores han estar nos play-off finais, en Compostela. Hai varios palanadores pre-clasificados, pero hase saber todo co reparto de puntos final.

A maldición do título
Non se sabe con certeza o que acontece na LNB coas franquicias que terminan como gañadoras da liga regular, posto que todas terminan por se desarmar por completo.

Así lles pasou aos Petapouco, mítico equipo do primeiro ano de vida da LNB, que, nada máis gañar o título que os acreditaba como campións da liga 05/06 anunciaban, nun comunicado enviado ao Varal, a súa completa disolución, xustificándoa coa frase "acabouse un ciclo, e queremos aires novos e sensacións distintas".

Na tempada pasada aconteceu algo parecido coa Ekipa Safari, que conseguiu o título da liga 06/07 e comezaron a tempada actual xa algo esbandallado, despois de abandonar o seu campión, Beckham da Ponte da Pedra, seguido de Ana, Antón, Paulo, Aitor e Xavier. Todos eles deixaron a Viluba case en cirolas, mais este resistiuse a que lle desaparecese a franquicia e púxose a facer fichaxes co prazo case rematado. E así é como conseguiu saír ao terreo de xogo coa súa Ekipa.

Como non se sabe aínda que ha pasar coa franquicia gañadora, na Conferencia NorLeste fixeron unha enquisa pública á que titularon A Maldición do Título.

Billardeando mollados coma pitos
A espectacular tromba de auga que está a bañar as terras da Mariña fan bo o dito de "Chuvia de marzo, nin o mexo dun rato", xa que en abril billardas e aguas mil.

Todo listo pois, para este domingo, cando a LNB ha desafiar á choiva nunha pista a ceo aberto porque, como nos contan dende O Varal, "para coller robadallo hai que mollar o carallo e coas bragas enxoitas non se collen troitas".


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xogando a liga na Mariña, arrodeados de eucaliptos
Xogando a liga na Mariña, arrodeados de eucaliptos
Os vellos do NorLeste farán bo o dito "a veteranía é un grado"? Velaquí Calvete, do Sporting Petapouco
Os vellos do NorLeste farán bo o dito "a veteranía é un grado"? Velaquí Calvete, do Sporting Petapouco
Velaquí os Billardeiros Musicais que, polo de agora, encabezan a clasificación de franquicias
Velaquí os Billardeiros Musicais que, polo de agora, encabezan a clasificación de franquicias
Toda a Conferencia NorLeste
Toda a Conferencia NorLeste