Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Napoleón, detective privado

"Somos unha profesión como outra, non temos cochazos, nin rubias ao lado"

Aprobouse a lei que regula a creación dun Colexio de Detectives Privados en Galiza, un dos seus promotores fálounos un pouco sobre esta profesión.

Lucía Iglesias - 12:00 13/04/2008

Baixo o nome de Napoleón, agóchase un dos máis antigos detectives privados de Galiza. Con 39 anos de servizo ás súas costas, Juan Santos asegura que a profesión que elixiu non é como a pintan nas películas, "non somos as típicas persoas serias, con bigote e con mal humor, só cumprimos coa nosa misión" asegura entre risas. Dende o seu despacho da Coruña falounos sobre o que supón a creación do novo Colexio de Detectives Privados e, como non podía ser doutra maneira, confiounos tamén algúns dos segredos que esconde entre gabardina e sombreiro.

É un dos primeiros detectives privados que houbo en Galiza, por que decidiu escoller esta profesión nun tempo no que a maioría da xente nin tan sequera sabía da súa existencia?
Moitas veces escolles as cousas porque chas prohiben. Alá polo ano 69, vin nun xornal de Madrid que se anunciaba unha axencia de detectives privados, e acudín á xefatura de policía para informarme. Botáronme a patadas, pero o nome quedou marcado na miña memoria. Pasou o tempo e volvín ver nun xornal o anuncio. Desa volta chamei, e tras pasar polo despacho do presidente, e de que comprobasen que non tiña antecedentes e que todos os meus documentos estaban en regra, admitíronme. Eu non sabía nada sobre o que tiña que facer un detective, tan só polo que vía nas películas, pero pouco a pouco convertinme nun experto investigador.

Vostede foi un dos promotores da Asociación Galega de Detectives Privados (AGDP), alá polo ano 1999, a que necesidade responde a creación deste organismo?

Os detectives galegos estabamos bastante diseminados e eu xunto con outros máis decidimos crear a asociación para vernos as caras e poñernos de acordo en canto a prezos e outros asuntos. Dende entón facemos reunión cada dous ou tres anos, para discutir sobre diversos temas, sobre o intrusismo laboral, falar sobre o rol que xogan os detectives auxiliares... en definitiva, marcar unhas pautas sobre o exercicio da nosa profesión.

Coméntanos que hai moito intrusismo, foi esta unha das causas que os impulsaron a solicitar a creación dun Colexio Oficial de Detectives?
Hai tres anos decidimos crear o colexio, en primeiro lugar polo intrusismo e en segundo polos prezos baixos que se estaban chegando a pedir. Nas reunións que faciamos na asociación marcaramos como estándar os 45 euros por hora, pero chegou un momento no que había quen cobraba tan só 20, a maioría deles sen o título de detective. Este feito non era moi honesto, porque prexudicaba a todos os que exerciamos a profesión e chega un momento en que tes que facer algo. A partir da creación do colexio, os detectives terán que selar unha etiqueta e pagar unha cota para poder presentar documentos que teñan valor oficial.

Podería dicirme unha cifra aproximada de persoas que están a traballar sen o título?
Non teño un número exacto, pero penso que máis ou menos o dobre dos detectives que están traballando na actualidade non o están facendo segundo as condicións que temos os demais.

E para facérmonos unha idea, cantas horas pode chegar a traballar un detective privado diariamente?
Pois depende máis que nada do caso, pero habitualmente o noso horario diario oscila entre as 14 ou 16 horas. Pódoche contar incluso que nun caso chegamos a estar traballando 72 horas seguidas. Tratábase dun caso especial de vixilancia, en Asturias, no que estabamos esperando a que se fixera a entrega dunha mercadoría.

Supoño que coa traxectoria que leva ás súas costas tivo que facer case de todo, pero que é o que máis demanda a xente?
Os casos que máis nos solicitan son os laborais, as baixas. Cada vez hai máis baixas, e no caso das empresas grandes non son tan prexudiciais, pero se reparamos nas empresas pequenas, as que por exemplo teñen tres empregados, a ausencia dun deles supón un grande incremento para o traballo do resto de compañeiros e un prexuízo para a compañía.

A nova lei busca que exista unha paridade representativa entre homes e mulleres, son moitas as mulleres que se dedican a esta profesión?
A verdade é que somos máis homes, pero podo dicirche que son aproximadamente o 30 por cento do total. Penso que dentro duns anos chegará a haber incluso máis mulleres que homes. Agora saen das universidades moi preparadas. Aínda que en moitos casos non poidan entrar nalgúns sitios, porque chamarían a atención, como en clubs de alterne ou lugares similares, no resto si poden facelo, e poden resolver os casos moito mellor, porque a xente non sospeita delas. Asóciase a profesión de detective cos homes.

Sendo un dos detectives máis antigos que exerce en Galiza, non lle repercute á hora de realizar o seu traballo, quero dicir, se lle coñecen a cara, non desconfían de vostede?
Habitualmente consigo agcharme para que non me vexan. Teño trucos para evitar que se me recoñeza a cara, por exemplo, se vas no coche, é moi difícil que o condutor de diante che vexa a cara.

A xente é moi confiada...
Si, podo contarche un caso que tivemos unha vez. Tratábase dun home que levaba tres meses de baixa, e seguindo o caso, vemos que sae dun edificio vestido de futboleiro, e co xeso nunha man. O meu axudante e máis eu achegámonos a el, cunha cámara, e dixémoslle que eramos dunha tele (sen especificar cal), e que había xente que falaba moi ben del como xogador. O home, case sen pensalo, quitou o xeso e púxose diante de nós e da nosa cámara a facer unhas paradas. No tema das baixas laborais a xente é bastante torpe.

Pillárono algunha vez?
Tan só unha. A persoa que estabamos a seguir recoñeceunos e delatounos á policía como se fosemos ladróns. Detivéronnos, pero non tivemos problemas para saír porque tiñamos todos os nosos documentos en regra.

Unha última pregunta para rematar, que queda da imaxe de detective enfundado na súa gabardina que a xente ten na cabeza?
Pois a verdade é que moi pouco. Somos unha profesión como outra calquera, non temos cochazos, nin rubias explosivas ao lado, nin te fas rico sen traballar.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: