Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
SIMPOSIO INTERNACIONAL

Debaten en Noruega sobre a fabricación de carne artificial

Os filetes de laboratorio, posíbel alternativa para paliar a fame no mundo, poderían estar nun futuro próximo nos supermercados.

Redacción - 13:15 14/04/2008
Bisté artificial creado por artistas australianos do Tissue Culture and Art Project

Bisté artificial creado por artistas australianos do Tissue Culture and Art Project

A semana pasada desenvolveuse en Oslo (Noruega) o primeiro simposio internacional de carne in vitro. Durante tres días, presentáronse os últimos avances na creación de carne artificial, é dicir, que ten unhas características semellantes ao produto de orixe animal, pero que non implica criar nin sacrificar seres vivos.

A idea xurdiu no ano 2003, cando un grupo de científicos propuxo xerar grandes cantidades de carne artificial como un xeito de alimentar a poboación. No simposio presentouse un informe que analiza a posibilidade de que ese produto de laboratorio poida estar dentro dun tempo nos supermercados.

Mesmo a ONU ten interese nesta tecnoloxía, debido ao imparábel crecemento da poboación mundial e a falta de recursos para a súa alimentación. As conclusións das xornadas son que o custo dunha tonelada de carne artificial pode ser de arredor de 3.500 euros por tonelada, pouco menos do dobre do que custa a carne de polo non subvencionada.

Porén, este tipo de alimento teríase que enfrontar ao rexeitamento dos consumidores e á mellora da tecnoloxía para a súa fabricación. A técnica baséase nunha célula que se vai dividindo até xerar grandes cantidades de tecido muscular apto para o consumo humano. Esa carne artificial medraría durante semanas en grandes tanques.

Contra o rexeitamento que podería ter este produto por parte dos consumidores, os científicos defenden que esta carne non ten enfermidades, a súa produción non contamina e non provoca sufrimento dos animais. Ademais, tamén aseguran que moitos dos produtos que xa consumimos teñen ben pouco de natural.

E aínda está por mellorar o sabor desta carne, pois nin sequera os participantes no simposio probaron o seu produto e preferiron probar as delicias da cociña norueguesa.


3,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: