Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
SARGADELOS, DE 17 AO 19 DE ABRIL

Unha intensa axenda na galería barcelonesa: banda deseñada, pintura, teatro, humor gráfico...

O humor gráfico de "O Farelo", un debate sobre a BD galega e a presenza de Miguelanxo Prado e Jacobo Fernández, e mais a pintura de Anxo Baranga acompañada do teatro de Furafollas.

Xabier Paradelo - 20:45 14/04/2008

Coincidindo coa 26 edición do Saló Internacional del Còmic de Barcelona, a Galería Sargadelos oferta un programa cultural que ten a banda deseñada coma eixe central, canda a Xunta de Galicia que, como vén facendo nos últimos anos, apoia o éxito acadado pola BD galega cun espazo propio no Salón.

O venres 18 poderase asistir á mesa redonda Edición de BD en Galicia: Problemas e perspectivas, ideada para dar a coñecer ao público iniciativas pouco coñecidas fóra do país. Estará moderada polo especialista Henrique Torreiro e participarán Iria Lago da Editorial Toxosoutos, David Amoedo do colectivo Fanzine Fuck Cómics e o autoeditor Mariano Casas. O mesmo día tamén se poderá escoitar a Miguelanxo Prado na presentación do seu libro Os compañeiros da orde da pedra, e o sábado 19 a Jacobo Fernández presentando Aventuras de Cacauequi.

Os compañeiros da orde da pedra enceta a colección "Biblioteca Feima de Clásicos da Historieta Galega", editada pola Fundación Feima en colaboración con El Patito Editorial, coa intención de recuperar obras históricas da BD galega. A edición recolle a que fora a primeira obra comercial do director de "De Profundis" a comezos dos oitenta, publicada daquela coma tiras no xornal "La Voz de Galicia".

A mesma editorial publica en galego e en castelán Aventuras de Cacauequi, obra coa que Jacobo Fernández gañou con o Premio Castelao de BD 2007 da Deputación da Coruña. Segundo a editora, o traballo de Fernández contén "reflexións en torno ao amor, as relacións humanas, a morte, a crueldade, a viaxe, o terror ou os límites entre soños e pesadelos."

Abondando na creación gráfica galega, un día antes, o xoves 17 presentarase O Farelo. Catálogo de autores, volume editado por Alén Miño e que fai un repaso dos colaboradores do suplemento de humor "O Farelo" da revista quincenal "A Peneira". O acto conta coa presenza do editor Guillermo Rodríguez e dos debuxantes Xosé Manuel Fernández, Félix Ronda e Quico da Silva.

O mesmo día tamén se inaugura a mostra de pintura "MOR", de Anxo Baranga, na que o artista expón a súa creatividade ao redor da memoria histórica. A presentación estará acompañada por un espectáculo poético de Furafollas Agrupación Teatral, colectivo do que o pintor e actor forma parte e que é ben coñecido polo público de Sargadelos polas súas actuacións coma "Troleiros de Provença".

Os Furafollas tamén acudirán o venres 18 á presentación de "Viaxe a un mundo doméstico" de Lili Films, no Ateneu Popular de 9 Barris. Todo un luxo poder velos dous días seguidos.

Podes ver abaixo o programa completo ou en Rede.cat.

Programa Cultural en Sargadelos Barcelona. Saló del Còmic 2008.

Galería Sargadelos de Barcelona
Provença 276

Xoves 17 de abril, 18 h

Presentación: "O farelo". Católogo de autores.
Participan: Guillermo Rodríguez, editor de Alén Miño, e os debuxantes Xosé Manuel Fernández, Félix Ronda e Quico da Silva.


Xoves 17 de abril, 20 h

Inauguración da exposición de pintura "MOR" de Anxo Baranga, co espectáculo poético "meMORia", Furafollas Agrupación Teatral.


Venres 18 de abril, 19 h

Presentación:
Biblioteca Feima de Clásicos da Historieta Galega.
Os Compañeiros da orde da pedra, de Miguelanxo Prado.
Interveñen: Javier Blanco, director artístico da Fundación Feima, Fausto Isorna, director da Biblioteca, e Miguelanxo Prado, autor da obra.


Venres 18 de abril, 20 h

Mesa redonda: Edición de BD en Galicia: Problemas e perspectivas

A mesa quere achegarlle ao público iniciativas pouco coñecidas fóra do país que están a desenvolver traballo de edición no campo da banda deseñada. Nese sentido, a mesa contará coa presenza dunha editora convencional, dun colectivo de fanzines e mais dun autoeditor que crea e difunde a súa propia obra.

- Iria Lago. Editorial Toxosoutos -editora
Directora de publicacións da Editorial Toxosoutos, fundadora do colectivo Sacou en Noia, licenciada en historia pola Universidade de Santiago, ten un especial interese en abordar novos proxectos de edición no marco da empresa.

- David Amoedo. Fanzine Fuck Cómics -colectivo que publica un fanzine
Amoedo representa un colectivo de autores vigueses que apostan pola autoedición no tradicional formato de fanzine. Cunha ampla variedade de estilos e de intereses, xa son varios os colaboradores que están conseguindo chegar ao ámbito profesional co seu traballo.

- Mariano Casas: -autoeditor
Veterano autoeditor, Mariano Casas é un exemplo de constancia no mundo da BD galega. A súa evolución cara a formatos máis coidados reflicte en si mesma a evolución da forma do fanzine nos últimos anos. Casas, ademais, combina o seu traballo no campo da BD co audiovisual.

- Modera : Henrique Torreiro. Imprescindible coordinador das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, Torreiro é un referente en canto a coñecemento exhaustivo da BD, especialmente da galega.


Sábado 19 de abril, 19 h

Presentación: Aventuras de Cacauequi, de Jacobo Fernández, premio de BD Castelao 2007 da Deputación da Coruña.

Interveñen: Gemma Sesar, responsable de El Patito Editorial e Jacobo Fernández, autor da obra.


Ligazóns

4,5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Aventuras de Cacauequi", de Jacobo Fernández
"Aventuras de Cacauequi", de Jacobo Fernández
"O Farelo"
"O Farelo"
Unha obra da mostra "MOR", de Anxo Baranga
Unha obra da mostra "MOR", de Anxo Baranga