Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EXPRESIÓN POÉTICA GALEGA

Preséntase o novo número de 'Dorna'

A publicación regresa despois de tres anos, e faino cun recital na Facultade de Filoloxía da USC.

Redacción - 09:00 16/04/2008

Dorna, subtitulada Expresión Poética Galega, apareceu en maio de 1981, editada primeiro pola Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa, e a partir do nº2 pola Cátedra de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago. Nos case que trinta anos de historia da revista pasaron polas súas páxinas a palabra dos autores máis importantes da poesía galega contemporánea.

Nos últimos tempos a revista, que mesmo chegara a editar dous números por ano, tivo menos continuidade. De feito, o último número publicárase en 2005 e neste periodo tivo que mudar o seu Comité de Redacción. Tres anos despois regresa da man dun novo equipo, formado por David Pérez, Lorena López, Mario Regueira e Xosé Manuel Salgado, que se fixo cargo da publicación o pasado ano.

A presentación, que terá lugar no Salón de Actos da Facultade este mércores 16 de abril, consistirá nun recital poético-musical no que participarán Anxo Angueira, María do Cebreiro, Xiana Arias, Alberto Lema, Andrea Núñez e Lía Santiso + Manu Clavijo.

Dende o comezo, Dorna deu entrada a voces emerxentes canda a autores consagrados. No número 31 que agora se presenta repítese ese esquema, compartindo espazo os versos de Darío Xohan Cabana, Chus Pato, Anxo Angueira, Marilar Aleixandre ou Helena Villar, cos de María do Cebreiro, Xiana Arias, María Lado, Rosa Enríquez e Alberte Lema, e mesmo con poetas que nalgúns casos aínda non publicaron a súa primeira obra. O número inclúe tamén unha antoloxía bilingüe do poeta vasco Kirmen Uribe e está ilustrado con obra fotográfica da artista Carmen Chacón.


4,53/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Presente número de 'Dorna'
Presente número de 'Dorna'
Nº 7 de 'Dorna', con portada de Laxeiro
Nº 7 de 'Dorna', con portada de Laxeiro
Nº 11 da revista
Nº 11 da revista