Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ricardo Varela, conselleiro de Traballo

"O PSdeG pesa cada vez máis á hora de construír a opinión do PSOE"

Coa marxe de manobra actual, o conselleiro de Traballo e secretario de Organización do PSdeG explica para Vieiros que os socialistas non consideran ir cara a un modelo de partido como o do PSC. "Neste tempo houbo no PSdeG máis palabra que látego", subliña ademais ao respecto da situación interna do partido.

Ramón Vilar / Roberto Noguerol / Vídeo: Lucía Iglesias / Foto: César Galdo - 09:00 16/04/2008


Aos seus 52 anos, Ricardo Varela está 'doutorado' en política. En 2004 nomeárono secretario de Organización do PSdeG e un ano máis tarde chegaba a arelada vitoria nas autonómicas, o que lle valeu un posto no Goberno. Diplomado en Relacións Laborais, coñece tamén o mundo sindical xa que ocupou cargos na UXT. A súa vinculación política venlle de familia. O seu tío Xacinto Calvo, militante histórico do socialismo, foi senador por Lugo na década dos 80. Sen dúbida, este ano vai ser decisivo para a súa carreira política. En outono o PSdeG celebra congreso e en menos dun ano haberá eleccións autonómicas. Varela non acaba de descubrir as cartas que pensa xogar a medio prazo e di que agora só pensa no día a día.


Seica dixo vostede cando levaba un ano na Xunta que o Goberno acadara xa algúns obxectivos pero que aínda non era “para tirar foguetes”. En que punto estamos dous anos máis tarde?
O ano 2007 é un ano que rematou con moi bos datos no referido ao emprego. Hai dous ou tres elementos que serven para facer un diagnóstico de como evolucionou o mundo laboral. Por un lado, a cantidade do emprego, o ano pasado situámonos entre un 7,5 e un 8% na cifra de desemprego. Cando asumimos as responsabilidades de goberno estabamos nun 11,5 ou 12%. Ademais os datos foron moi positivos se os comparamos dentro do marco do Estado. Hai tres anos tiñamos máis taxa de desemprego cá media estatal (estabamos nun punto e medio por riba) e cando remata o 2007 estamos por debaixo desa media. Tamén mellorou a inserción de colectivos con especial dificultade (mulleres, xóvenes e colectivos con algunha discapacidade) onde houbo un avance moi considerábel. Tamén hai que subliñar o paso de contratos temporais a indefinidos, Hai unha evolución moi positiva. Nestes momentos estase a producir un parón produto da desaceleración que se está producindo en España e no mundo pero cremos que Galiza está nunha boa posición para afrontar esta situación e temos resortes diferenciais para seguirmos avanzando.

Se tivese que facer balance da xestión á fronte de Traballo, con que iniciativa se quedaría ao peche deste treito no Goberno?
Fundamentalmente dúas, aínda que traballamos en moitas frontes. Por unha banda ter introducido en Galiza con moita forza o diálogo social, que senta as bases dunhas políticas sociais dialogadas cos destinatarios das mesmas e que marca un antes e un despois. E logo as iniciativas que teñen que ver coa integración laboral da muller, a Lei de Traballo en Igualdade, o Plan Aurora que contemplan progamas para esa incorporación. É un proxecto pioneiro en España, aínda que agora mirando a Galiza estase a poñer en marcha noutros lugares.

E que é o que lle vai quedar sen facer a Ricardo Varela como conselleiro de Traballo nesta lexislatura, esa espiña sen resolver para a que non dará de si a lexislatura?
Débese solucionar, creo que temos aínda moito traballo por facer en materia de seguridade laboral. Aínda que dende o punto de vista cuantitativo se ten reducido a sinistralidade laboral durante os anos 2006 e 2007, pasando dun cento de sinistros mortais a situarnos nos 75, creo que aínda hai moitísimo que facer. Creo que o Instituto de Seguridade Laboral que puxemos en marcha nos ten que servir para avanzar na tarefa de reducir máis a sinistralidade.

Hai quen di que a mellora dos indicadores galegos en materia laboral teñen que ver máis con circunstancias eventuais ca co propio cambio de Goberno...
Esa afirmación pódese facer se se fai unha análise de datos asbolutos pero se se fai comparativamente con España e con Europa vese que evolución de Galiza é máis positiva. As circunstancias coxunturais eran iguais en España e en Galiza mais nós creamos máis emprego porcentual ca o resto do Estado. Iso quere dicir que hai un impulso no que foi fundamental o diálogo social e a confianza que se ten posto neste Goberno e nas súas políticas económicas e laborais.

Vostedes anunciaron que a discriminación lingüística tamén ía ser obxecto de inspección no mundo laboral a partir deste ano. Hai algún plan concreto?
Isto está contemplado nos programas de actuación da consellaría en relación coa inspeción. Cando marcamos os obxectivos anuais hai unha planificación e este é un deles. Non pode haber discriminación laboral por razón de lingua e ao longo do ano tamén se vai ter conta esta máxima. Os traballadores teñen dereito de manifestarse como consideren oportuno é un dereito constitucional que se debe vixiar.

Colectivos que xurdiron ultimamente que están contra a Lei de Normalización non ocultan que unha das súas prioridades é que o PSdeG bloquee compromisos coa lingua. Até que punto no PSdeG pode haber sectores sensíbeis a este tipo de presións?
O PSdeG ten moi clara a súa posición con respecto á lingua. Hai unha lexislación para a normalización lingüística que nós cremos que é o marco onde nos debemos de mover. Polo tanto, nin nun sentido nin noutro imos deixarnos influenciar por presións. Cremos que Galiza ten a enorme riqueza de contar con dúas linguas e que polo tanto ese dereito de usar as dúas ten que defendela o noso partido.

Dende o PPdeG non se deixa de dicir que en Galiza existe un bigoberno. Non pensa que realmente se notan algunhas estridencias?
Eu isto véxoo con normalidade e naturalidade. Efectivamente, hai dous proxectos diferenciados no PSdeG e no BNG pero hai un só proxecto de goberno. As diferenzas quedan atenuados cando se pon enriba da mesa un proxecto común que está asinado nun pacto de goberno. Eso é o que lle dá fortaleza. As diferenzas que pode haber nun Goberno incluso se producen se é dunha soa forza política. O que pasa é que nun executivo dunha soa forza as diferenzas enténdense nunha dinámica diaria. Aquí candos se producen interprétase como unha diferenza entre os partidos. Non é así.

Hai unha insistencia dos conselleiros socialistas en subliñar iso de "o goberno de Emilio Pérez Touriño", pero non se ve reciprocidade do presidente á hora de dar imaxe de equipo e adicarlles en público uns 'cariños'...
(Ri) Eu creo que o presidente do Goberno ten moitas funcións pero precisamente esa de darlle cariño aos conselleiros non é a principal, senón darlles orientacións de como son as políticas que debe de levar adiante o Goberno. Eu non aprecio dificultade entre as áreas do Goberno. Eu son membro dese executivo e hai unha relación correcta, sen dificultades, máis alá de cuestións puntuais que se poidan producir e que se resolven co traballo diario.

Hai quen cre que o Goberno, malia os cambios, non foi quen de manter a ilusión na sociedade...
É probábel que iso poida ter unha base de realidade, as expectativas que se crean nun cambio de goberno ás veces non son posíbeis de seguir polos tempos que se precisan para poñelas en práctica. A Administración ten uns tempos, e ás veces son máis lentos do que queren os cidadáns para resolver os problemas e dos que queremos os que xestionamos.

Mais en calquera caso, creo que están postas as bases para que ese cambio sexa profundo e premita que Galiza sexa unha comunidade normalizada dende o punto de vista democrático. Eu digo que só o feito de que un cidadán en Galiza se poida expresar con liberdade en calquera concello, sen medos e dependencias, é un avance moi considerábel. Nese terreo temos avanzado moito porque había un modelo político que constrinxía as liberdades dos cidadáns, mesmo ás veces de discrepar. Isto senta as bases dun país máis forte e cunha cidadanía máis normalizada. Se ademais é un goberno que se inclina por unha políticas sociais, eu creo que realmente hai cambios de fondo.

A Fegamp, como espazo de consenso e diálogo deu lugar, paradoxalmente co cambio de equilibrios, a un escenario de tirapuxa entre socialistas e nacionalistas...o último polas Normas do Hábitat. É unha estratexia electoral ou é que, realmente, os alcaldes van máis por libre?
Os alcaldes teñen que ir por libre, son autónomos. Precisamente o problema pode ser ese. Os concellos son outra administración, os alcaldes deben representar os seus municipios. Igual eso é o que non se entende e crea dificultades. A capacidade e a obriga que teñen os concellos na defensa dos intereses municipais pode levar a roces entre administracións e isto pódese producir con áreas do Bloque ou do Partido Socialista. Recentemente houbo unha rectificación de posición da Fegamp fronte aos Grumir que lle afectaba á Consellaría de Traballo. Nós tiñamos un posicionamento e eles acordaron outro, Pode gustar máis ou menos pero é o posicionamento dos concellos. Por eso eu creo que non se pode interpretar nesas claves.

Pero ese tipo de diferenzas non se poderían ter resolto antes?
Igual non houbo a suficiente man esquerda para buscar os consensos necesarios. Non castiguemos ao que leva a mensaxe. Eu creo que son precisos os consensos.

Pero é inevitábel que o cidadán pense que estas tensións teñen que ver con que as eleccións galegas están á volta da esquina...
Eu creo que este tema non ten nada que ver con iso. É unha simple cuestión competencial.

En 2005 estivemos pendentes dunha presa de votos chegados de fóra do país. Estamos xa no treito final de lexislatura, e a teima do voto emigrante segue sen resolver... Este mesmo martes hai outro intento de negociación entre os grupos parlamentarios. De xeito paralelo estamos coa comisión de investigación sobre a axente electoral á que vostede mesmo foi requirido a comparecer. Que pasa con este tema, por que esa falta de vontade para resolver o problema co voto da emigración?
Efectivamente, sobre o voto emigrante hai un consenso xeral nos partidos políticos arredor da necesidade de ir a un modelo de participación dos galegos que residen no exterior que permita garantir sen dúbidas que o voto se produce con independencia, liberdade e transparencia. Onde non hai acordo é sobre quen debe ter dereito a voto. Nós somos da opinión de que todo cidadán con que ten recoñecido dereito de cidadanía debe ter aparellados os dereitos políticos. Se non se está de acordo con iso, haberá que modificar a previa: o que respecta ao dereito de cidadanía. Pero o que non se pode facer é recoñecer, como se fixo a través da lexislación estatal, un dereito de cidadanía e a continuación negar o dereito a votar. Por que os dereitos sociais, e iso é a base da democracia, deben incluír o dereito do cidadán a sancionar as actuacións do seu goberno: iso chámase voto.

Non lle podemos dicir a un cidadán que está no exterior e que depende de actuacións da Xunta en materias sociais e sanitarias que ten eses dereitos cívicos pero que non pode determinar co seu voto e dicir se está de acordo co que fai ese goberno. Iso non debe ser así. Outra cousa é a procura dun modelo de votación a través da urna, ou de calquera outro sistema baseado no uso das novas tecnoloxías. Pero non se poden cercenar eses dereitos á cidadanía. Organizacións como é o caso do BNG teñen pouco interese en que os cidadáns do exterior voten en determinados comicios, pero creo que ten que ver coa pouca receptividade dos seus posicionamentos políticos, pero iso non debera condicionar o debate.

Hai que avanzar nos dereitos dos cidadáns, na transparencia e garantías deses procesos electorais, pero recoñecendo ese dereito a decidir dende o momento en que se lles di que son cidadáns galegos. Outra cousa é que por exemplo nos procesos municipais, as decisións que nese ámbito político se toman non lle afecten aos cidadáns no exterior, como é o caso de poñer iluminación nunha rúa. Pero si lle afecta a calquera galego que estea en Bos Aires as políticas sanitarias da Xunta. Por iso o voto é un dereito que ten a xulgar iso.

Nun prazo medio-curto de tempo podemos avanzar cara a un modelo de voto esixente e garantista.

Independentemente desas diferencias de criterio que vostede menciona, Realmente é tan complicado garantir o básico: que un emigrante vote nunha urna?
É un mecanismo complexo e dificultoso. Estanse mirando diferentes modelos a aplicar. Poñamos por caso Arxentina e coa cantidade de poboación galega que reside alí e a dificultade de garantir o acceso, e máis aínda cando pensamos que haberá que proporcionarlle o dereito ao voto a outro galego que viva na Patagonia. O proceso unha vez que se fai ten que garantir que ninguén quede excluído dese dereito e teña en consideración esa dispersión.

Vostede deixou unha porta aberta interesante, a restrición posíbel nas municipais. Pensemos en que precisamente neses comicios locais unha presa de votos está mudando alcaldes dun partido para outro...
Esa é unha discusión máis aberta. As decisións locais non lles afectan a eses cidadáns no exterior. Aí habería espazo para analizar a posibilidade. Existe conciencia ampla de que si se pode estudar iso, pero recordando que dereitos civís implican dereitos políticos, e discutir isto segundo require debater tamén sobre o primeiro.

Pero cando suceden casos coma o de que a un concello en noite electoral chegue un cento de papeletas de voto cubertas con idéntica caligrafía e que malia a percepción social clara de que aí houbo unha irregularidade, se lle estea dando para adiante a eses manexos, non aparece clara a urxencia de meterlle man xa ao asunto?
Evidentemente, a primeira intuición ao respecto, desde o punto de vista do PSdeG, é que si se pode avanzar por aí. Dá a impresión de que non se lle quita a ninguén a súa capacidade de sancionar actuacións dunha administración cando se fala de limitar o voto no caso das municipais. Eu creo que iso si se poderá analizar. Pero tampouco hai que demonizar as actuacións dun alcalde, sexa aquí ou aló. Outra cousa son as que se comproben ilexítimas. Pero se vemos normal que un alcalde se reúna con colectivos cidadáns en Galiza, temos que aprender a velo normal tamén con colectivos no exterior.

Non parece que o cargo de secretario de Organización dun partido deixe moito tempo libre. Vostede por riba en 2005 foi nomeado conselleiro. Non pensa que son cargos complicados de compatibilizar? Mesmo difícil de entender que se compatibilicen?
Non é especialmente difícil. Hai unha función como responsábel do goberno e outra como responsábel do partido onde mesmo os horarios non coinciden, en tanto que reunións e actos de partido son a última hora do día que é cando os militantes teñen máis facilidade para asistir. Indudablemente é un traballo intenso que ocupa moitas horas, pero eu lévoo razoábelmente ben.

Os secretarios de Organización dos partidos teñen fama de ser os "homes malos", os que teñen que sacar o látego de cando en vez. Sacouno vostede moitas veces nestes anos que leva no cargo?
A verdade é que non coincido con esa idea de responsábeis de organización que andan por aí quebrantando pernas. Malia os conflitos e dificultades que xurdiran de cando en vez nalgúns lugares, e as necesidades de mediación e conciliación, teño a sensación de que no PSdeG houbo neste tempo máis palabra que látego.

Pero que lle deu máis quebradeiros de cabeza... a xestión na administración ou a mediación no partido?
Desenquistar conflitos que moitas veces derivan en enfrontamentos persoais é moi complicado, pero a propia xestión como conselleiro de traballo implica tamén unha actuación constante de mediación. Á fin, diálogo e puntos de encontro e organización son comúns aos dous ámbitos.

Con todo, como secretario de Organización, do que estou máis satisfeito, é de ir incrementando as bases e recursos humanos do noso partido. O cadro actual do PSdeG, a nivel de incorporacións, de alcaldes novos, amosa que o partido renovou bases institucionais e orgánicas significativamente. E iso é o que determina as capacidades e posibilidades dun partido cara ao futuro. Voceiros municipais e alcaldes como os de Silleda, Fene, O Grove... xente nova que garante unha solidez enorme cara ao futuro. E iso é o máis importante, o traballo para o mañá.

Xa que logo, está nos concellos o caldo de cultivo desde o que o PSdeG vai facer o cambio xeneracional a curto-medio prazo, completando un proceso que se inicia á volta da entrada ao poder na Xunta?
Os municipios e as agrupacións locais dos partidos son unha base idónea para que os militantes vaian sumando experiencia política. A principal obriga dun dirixente de partido, ademais da xestión do día a día, é estar xa cavilando no que vai pasar en dez ou quince anos, cales van ser os cadros, en que situación estará o partido. E ese é un traballo que eu fago con agrado. Se ampliamos a nosa base institucional, orgánica e de afiliación e introducimos xente nova con ese espírito de futuro imos construíndo o que será un proxecto con continuidade e estabilidade durante moitos anos.

Hai tres ministros de orixe galega, pero esa condición galega, en termos de implicación na política de aquí, aparece moi esvaída, mesmo inexistente no caso de Elena Salgado... Pesa pouco o PSdeG no PSOE ás portas do 37 Congreso Federal do partido?
Ao contrario, eu creo que pesa moito. Elena Salgado é ministra de orixe galego con menos relación, pero Elena Espinosa é membro da executiva galega do partido e forma parte da dirección desde o último congreso. César Antonio Molina está cada vez máis implicado no partido na Coruña. O secretario de Organización do PSOE, Pepe Blanco, é galego e exerce de tal. Na executiva federal está a conselleira de Pesca, Carme Gallego. Os socialistas galegos non só achegan cada vez máis ao PSOE desde o punto de vista do voto, senón tamén da participación e o peso das opinións que temos á hora de configurar opinión no PSOE.

E pensando en que o PSdeG terá o seu propio congreso á volta do verán, e que non é ilóxico pensar que pode estar condicionado pola estratexia que saia do congreso anterior do PSOE... Vai haber un punto de inflexión no modelo de partido do PSdeG ou haberá continuismo?
O PsdeG afrontará o seu congreso co obxectivo de reforzar un proxecto político en Galiza aspirando a ser a formación política con maior peso e receptividade na sociedade do país. Queremos ser a forza determinante desde o punto de vista político e social. Iso non ten que ver só con resultados electorais. Nós temos unha proposta socialdemócrata, aberta, interclasista, e cremos que temos ampla marxe de apoio social en Galiza. Quremos ser a forza referente en política deste país e esa é a meta deste congreso, pensando en que servirá ademais para preparar as próximas eleccións autonómicas, onde esperamos ter un resultado que confirme o apoio dos galegos á nosa opción.

Reformulámoslle a pregunta. Pensando en que determinadas decisións que veñan de Madrid poidan parecer inxerencia... a vostede que lle parecería un modelo con maior marxe de manobra, como o do PSC, como fórmula a adoptar polo PSdeG-PSOE a curto-medio prazo?
O modelo do PSC é antigo no partido, pero mirando polo miúdo non ten moitas diferencias co modelo xenérico federal do PSOE. Nós, cando se fala de inxerencias de autonomía, queremos recordar que se formamos parte dun proxecto socialista en España que á súa vez forma parte dun proxecto internacional. Por iso cremos que os socialistas en Asturias, Castela León ou onde sexa o que fan á fin é conformar o que é a opinión do PSOE.

Non é que o PSOE sexa un ente illado que vaia regando coas súas decisións as posicións políticas no conxunto do Estado. É exactamente ao revés. A dirección e decisión do PSOE nace da suma das opinións dos distintos territorios. E cando na executiva se definen posicións políticas, fanse porque alí hai representantes dos socialistas do conxunto do territorio que contribúen a conformalas. Estamos contentos de formar parte dese proxecto, e se o PSOE ten 125 anos de historia é porque ten unha estructura e funcionamento viábel, posíbel e de interese para España.

Para ser secretario de Organización, algúns din con retranca que hai que ser de Lugo. Non é secreto que vostede ten boa relación con Pepe Blanco. Polo de agora non saltou a un ministerio, tal e como se falou hai semanas, pero... por onde considera vostede que pasará, polo desembarco na política galega ou por novas tarefas en Madrid?
Eu creo que Pepe Blanco ten a súa cabeza posta na tarefa inmediata que a xestión do día a día do PSOE, cando menos até o seguinte congreso. Eu vexo a Blanco asumindo responsabilidades de xestión no futuro, porque creo que ten unha enorme capacidade e creo que esa capacidade será aproveitada no seu día, cando sexa de máis interese para o partido e para el mesmo.

Pero a medio prazo non existe esa posibilidade de vérmolo en primeiro plano na política galega?
É deputado por Lugo, e cumpre con esa obriga de deputado e vén con frecuencia a Galiza e a Lugo de xeito especial, mantendo relación estreita co seu partido e co seu electorado. Pero eu véxoo agora mesmo en clave de política estatal, e creo que seguirá aí nese ámbito estatal, asumindo responsabilidades de xestión, o que será de proveito para o partido e para o país.

Vostede viu como o seu partido chegaba á Xunta un ano despois de coller a secretaría de Organización, e leva tres anos á fronte dunha consellaría que non está sendo especialmente discutida... Cara a onde lle gustaría orientar a súa carreira política? Vese máis na xestión, na organización, noutras metas...?
Créanme ou non, eu non teño agora mesmo a cabeza posta no que farei de aquí nun ano. Creo que agora teño unha responsabilidade co meu partido, que remata no próximo congreso, e estou contento de que desde que asumín a secretaría o partido fortalecese posicións electorais, tamén reforzou estrutura orgánica, ampliamos militante, temos máis responsabilidade institucional... Creo que neste período levo feito un traballo razoábel, e neste congreso remata a responsabilidade asumida cos compañeiros. A partir de aí, veremos o que quere o partido, o que quere a militancia, o noso máximo responsábel e secretario xeral do partido e tamén o que quero eu mesmo. Segundo iso tomaranse as decisións do futuro. Pero en calquera caso, confío en cumprir axeitadamente as responsabilidades que me tocan a nivel organizativo no partido e no ámbito do goberno como conselleiro.

Para rematar, e sabendo que ha manexar estreitamente enquisas internas, gustaríanos saber que "quiniela" vai deparar a próxima cita coas urnas en Galiza?
A día de hoxe o PSdeG-PSOE e o PP estarían situados no que se chama un empate técnico. E cando cheguen as eleccións autonómicas, e coa nefasta oposición realizada polo señor Núñez Feijoo, e que nós lle agradecemos moitísimo, seguro que imos de estar por diante.


4/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: