Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Descenso en marzo

Continúan as manifestacións contra a baixada do prezo do leite

Os tres sindicatos agrarios convocaron protestas para o 17 e 25 de abril en Lugo e Ourense, e outra en Compostela o día 30.

Redacción - 09:00 17/04/2008

Unións Agrarias (UU.AA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XX.AA.) continúan coa súa loita conxunta contra a caída do prezo que os produtores reciben polo leite e pola carne de vacún e anunciaron que as protestas continuarán o xoves en Lugo e o 25 de abril en Ourense, para rematar o vindeiro 30 de abril en Compostela.

Os tres sindicatos denunciaron que as baixadas de prezo, xunto co incremento dos custes de produción están a poñer en perigo a supervivencia de entre as 35.000 e 40.000 explotacións galegas, sendo as industrias as únicas que aumentan os seus marxes de beneficio, debido a que o prezo que pagan os consumidores nos puntos de venda é o mesmo.

No caso do leite, os representantes dos traballadores esixiron que se fixen uns criterios obxectivos para asentar os prezos, de forma que a industria non poida incrementalos "unilateralmente, como se fai actualmente".

Caída de entre 6 e 10 céntimos

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, estimou que o prezo do leite caeu en marzo entre seis e dez céntimos, mentres que os custes de produción aumentaron nun 35 por cento nos últimos meses. García lamentou tamén que a negociación non supuxera cambios na capacidade das industrias de impoñer os prezos.

Os sindicatos mostraron o seu apoio polo dobre etiquetado, para que a conformación do custe do mercado sexa "transparente" e os consumidores coñezan a diferenza entre o que se lle paga ó produtor e o prezo final. Tamén reclamaron o incremento do IVE até o nove por cento, a redución das cotas a pagar na Seguridade Social, as axudas directas por vaca nutriz e as indemnizacións por perdas derivadas da seca.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: